As propostas arredor do multiverso 'Portas', de Desviadas, e 'Dodo', de IAA, acadan os premios do VIII Findecurta

A curtametraxe galardoada polo xurado, que recibiu como obsequio unha gratificación económica de 400 euros, recadou tamén o apoio maioritario das preto de 300 persoas que acudiron á gala de proxección das nove creacións audiovisuais que concorreron ao VIII Findecurta, razón pola que os organizadores deste certame acordaron distinguir co premio do público a curta ‘Dodo’, de IAA, un quinteto moi heteroxéneo formado por estudantes universitarios e de ensino secundario que crearon o seu particular multiverso arredor dunha autocaravana e dos seus exteriores.
Unha vez resolto o VIII Findecurta, os autores das dúas propostas gañadoras teñen diante de si a posibilidade de participar coas súas respectivas curtas na próxima edición da Semana de Cine de Lugo, un evento no que poderán optar ao premio do público á mellor curtametraxe galega.
Alén das dúas candidaturas triunfadoras na última edición do maratón de cinema do Campus de Lugo, na que tomaron parte preto de 100 novos creadores, o xurado do VIII Findecurta, tamén distinguiu con cadanseu accésit as propostas ‘Multiverso’, de Tsuka Films, e ‘As cinco no anfi’, de Gabrieles Entelécticos, ao tempo que destacou a calidade técnica e artística das outras cinco pezas proxectadas no auditorio da Facultade de Veterinaria durante a sesión de clausura deste maratón cinematográfico promovido ao abeiro do convenio Lugo Cultural.
R.