O proxecto Nós lanza as tres primeiras ferramentas para a interacción de persoas e dispositivos en galego

“Damos un primeiro paso visible ao poñer xa accesibles algúns dos resultados do proxecto”, dixo Antonio López. O proxecto Nós “conecta humanidades e tecnoloxía, neste caso, a través da lingua”, continuou o reitor, para despois subliñar que se trata do “proxecto máis ambicioso para a nosa lingua mirando cara ao futuro”. O proxecto quere, dixo Antonio López, colocar o galego nas mesmas condicións que outros idiomas con maior potencialidade a través de ferramentas que xeran aprendizaxe constante e solucións acaídas. “Isto non acaba aquí, só é o primeiro paso”, concluíu.
Pola súa parte Senén Barro destacou que “o proxecto nós nace dende a USC e a Xunta coa vontade de crear un ecosistema galego innovador en tecnoloxías lingüísticas para o mundo”. “Os datos son como as infraestruturas viarias dun país”, dixo, “os materias básicos de construción que deben ser preparados axeitadamente”, explicou. A directora do ILG, finalmente, presentou o funcionamento das ferramentas que, tal e como sinalou, foron seleccionadas "en función da súa alta demanda".
Estes avances permitirán non só reforzar a proxección exterior do galego, “senón tamén a expansión económica da lingua galega como vehículo de comunicación nos mercados globais”, afirmou Román Rodríguez. Un exemplo das aplicacións xa se puido ver no anuncio institucional que a Xunta de Galicia lanzou polas Letras Galegas 2023, onde se presentou a primeira locución da historia en lingua galega xerada por Intelixencia Artificial grazas ás capacidades desenvolvidas no marco deste proxecto.
USC e Xunta continuarán traballando na recompilación de voces que reflictan a gran variedade fonética e dialectal que existe por toda Galicia, o que permitirá seguir mellorando os modelos de ferramentas actuais, ao tempo que se desenvolverán novos modelos multilingües en cooperación cos proxectos equivalentes a Nós para o resto de linguas do Estado. Impulsado inicialmente pola USC e a Xunta de Galicia, o Proxecto Nós, foi incluído no PERTE Nova Economía da Lingua.
O galego na vangarda
‘O Proxecto Nós: O galego na sociedade e na economía da Intelixencia Artificial’ está a xerar os recursos necesarios para colocar o galego na vangarda das Tecnoloxías Intelixentes, nomeadamente naquelas áreas relacionadas coas Tecnoloxías Lingüísticas e, de modo xeral, na sociedade e economía da Intelixencia Artificial. Dentro do proxecto compílanse recursos e desenvólvense ferramentas de alta calidade para o procesamento automático do galego, tanto oral como escrito. Ademais, produciranse demostradores de carácter xeral que permitirán mostrar as posibilidades dos ditos recursos e desenvolveranse casos de uso de alto impacto socioeconómico en diferentes contextos.
Os recursos desenvolvidos en Nós serán de libre acceso por terceiros, o que vai permitir e facilitar o desenvolvemento de produtos e servizos finais baseados na lingua galega, por parte das empresas, institucións e organizacións, tanto públicas como privadas, que así o desexen.
O proxecto encádrase dentro das estratexias galega, española, e europea orientadas ao desenvolvemento de tecnoloxías, ferramentas e aplicacións para a proxección e uso das linguas nos ámbitos de aplicación da IA. O Proxecto Nós é un proxecto da Xunta de Galicia cuxa execución foi encomendada á USC, a través do ILG e o CiTIUS.
R.