O Presidente da Xunta avanza que a economía galega medrará por riba do 1,7 % previsto para este ano e do 2 % no 2024

Rueda atribuiu estas perspectivas ao marco de “estabilidade” que ofrece o Executivo galego cunha xestión “previsible” e cunha “planificación ordenada”. Precisamente, nesta liña, adiantou que a Xunta xa está elaborando os Orzamentos do ano que vén. “O traballo hai que facelo agora”, defendeu con respecto a que deben estar aprobados o 31 de decembro.
Rueda resaltou o gran comportamento do tecido produtivo galego nos últimos anos, reflectido en fitos recentes como a recuperación do PIB prepandemia antes que a media de España ou o mellor primeiro cuadrimestre da historia en exportacións, que chega despois dun novo récord no comercio exterior en 2022. O presidente tamén valorou o modelo galego de xestión económica, baseado na estabilidade, a axilidade e a simplificación administrativa e o papel activo da Xunta na captación de investimentos.
Galicia pendente de fondos europeos e infraestruturas “fundamentais”
O titular do Executivo autonómico volveu reclamar ao Goberno central maior axilidade e concreción no reparto dos fondos europeos, especialmente en sectores como o do vehículo eléctrico e conectado, que será obxecto dun terceiro Perte. Neste senso, insistiu en denunciar que o Goberno central ten 25.000 millóns de euros “embalsados”e expuxo que Galicia xa ten mobilizada a práctica totalidade dos fondos recibidos ata o de agora, case 1.200 millóns de euros. En canto aos cinco primeiros meses de 2023, o Goberno galego adxudicou o 67 % dos 527 millóns de euros dos fondos do MRR previsto no orzamentoinicial deste ano.
Por este motivo, pediulle ao Goberno central que deixe as comunidades xestionar estes fondos. “Temos experiencia e somos máis próximas ca un despacho ou ministerio, que non lles dan para adiante”, recriminou.
Ademais, instou a un maior grao de cumprimento coas prioridades de Galicia, nomeadamente co Corredor Atlántico, logo de quedar fóra do reparto de financiamento europeo, ou a chegada do tren de alta velocidade a toda Galicia. “Imos seguir nestas loitas”, garantiu Rueda con respecto a reclamar o desenvolvemento destas infraestruturas “fundamentais” para Galicia.
R.