Skip to main content

A Xunta aplicará a intelixencia artificial para mellorar o éxito escolar e crear un expediente académico único

Para o desenvolvemento deste proxecto cómpre dar resposta a retos para os que aínda no existe unha solución no mercado tecnolóxico. Por iso, tal e como explicou Rueda a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades lanzará unha consulta previa ao mercado mediante o proceso de compra pública de innovación, co fin de que as empresas tecnolóxicas amosen os recursos de que dispoñen para facer realidade este proxecto. "Trátase do sistema de contratación pública que permite mercar ou adaptar ás necesidades do cliente, neste caso a Xunta de Galicia, produtos que aínda non están no mercado" ou deseñar solucións para desenvolver un proxecto concreto, explicou o presidente.

Prevese que EdugalIA teña unha fase inicial de desenvolvemento e proba no período 2024-2027, seguida dun proceso de avaliación de resultados e posible despregamento progresivo de solucións a partir do ano 2028.

A maiores, o Goberno galego traballa, así mesmo, para que este proxecto obteña o financiamento que requiren este tipo de iniciativas mediante o Programa plurirrexional España Feder para o período 2021-2027.

Estratexia Edudixital 2030

A iniciativa entronca directamente coa Estratexia de educación dixital de Galicia, Edudixital 2030 e, en concreto, cun dos seus obxectivos básicos: o desenvolvemento dun ecosistema educativo dixital de alto rendemento.

Neste sentido, a estratexia inclúe unha ducia de accións de impacto, entre elas o avance na Administración educativa dixital, implementando sistemas de xestión e explotación de datos que permitan tomar decisións con base en información de calidade.

EdugalIA desenvolverase a través de tres ámbitos de actuación, o primeiro deles a gobernanza, o segundo a creación dun expediente único académico, e o terceiro a habilitación dun punto único de contacto entre a comunidade educativa.

No eido da gobernanza, habilitarase un novo modelo de Administración educativa dixital que permita integrar e consolidar de forma fiable información procedente de múltiples fontes e formatos. Deste xeito, poderase analizar a información de cada alumno e contrastala cos programas educativos da consellería en que participou, aplicando algoritmos avanzados de análise da información para avaliar os factores que inciden no abandono temperán e fracaso escolar, entre outras cuestións.

Outra das súas principais funcións será a de analizar a vulnerabilidade da contorna de cada centro educativo para priorizar os recursos de atención de necesidades específicas de apoio educativo e optimizar a distribución de recursos orientados á súa atención.

O obxectivo nesta vertente é que os xestores do sistema poidan analizar a súa evolución tanto de forma global como a nivel de centro educativo e programa implantado, permitindo a toma de decisións baseadas en evidencias e datos personalizados de calidade. Farase fincapé nas familias e centros educativos especialmente vulnerables.

Expediente único

O segundo ámbito ten como finalidade poñer á disposición do alumnado e das súas familias para consulta un expediente dixital do alumnado. "Agora non existe. Se un alumno cambia varias veces de centro terá un expediente en cada un", indicou Rueda.

Este documento será susceptible de integrar información relevante no nivel académico e laboral procedente de diferentes administracións públicas vinculado á identidade dixital dos alumnos e, nalgunhas etapas educativas, dos seus titores e das súas titoras.

Incluirá datos de identificación, de escolarización, académicos, sobre atención a necesidades específicas de apoio educativo, outros datos educativos e de formación relevantes e metadatos do expediente.

O obxectivo é que este expediente acompañe ao longo do seu tránsito polo sistema educativo na súa relación cos diferentes centros e administracións e que sexa accesible desde calquera lugar en calquera momento.

Punto único de contacto

Finalmente, a través de EdugalIA "crearase un espazo único para a comunicación entre alumnos e familias e os centros ou a administración educativa", indicou o presidente.

O obxectivo é dispoñer dun sistema co que o alumnado e os seus titores poidan interactuar arredor de aspectos vinculados coa súa relación coa consellería, como dúbidas sobre procedementos administrativos no ámbito educativo, asistencia á toma de decisións académicas e orientación en procedementos administrativos como a solicitude de bolsas ou a admisión de alumnado.

Todo o sistema estará deseñado baixo parámetros adecuados de protección de datos, xestión de permisos, consentimentos de cesión de información e privacidade.
R.