Skip to main content

O Museo do Pobo Galego acollerá ata finais de ano a exposición da Xunta en homenaxe a Fernández del Riego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou hoxe no Museo do Pobo Galego na inauguración da exposición Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito, impulsada pola Xunta de Galicia e producida pola Editorial Galaxia coa colaboración da Fundación Penzol e a Real Academia Galega (RAG) para dar a coñecer a figura do homenaxeado nas Letras Galegas 2023.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades recordou que as Letras Galegas “non se limitan a celebrar un único día, senón que durante todo este ano recordamos a Fernández del Riego e todo o seu traballo a prol da lingua e cultura galegas”. Ademais, Valentín García engadiu que “desde o Goberno galego aínda non remataron as celebracións arredor de don Paco pois, como é habitual, o broche final a todo un ano de homenaxes porao a presentación do Caderno Ramón Piñeiro dedicado á súa figura”.

No Museo do Pobo Galego, que acollerá ata finais de ano esta exposición itinerante na que será a súa última parada, tamén participaron Malós Cabrera, co-comisaria da exposición e vicepresidenta segunda da Fundación Penzol; Xesús Domínguez, director de Produción de Editorial Galaxia; Francisco Fernández Rei, membro numerario da RAG; Concha Losada, presidenta do dito museo, e as sobriñas e sobriño de Fernández del Riego.

Esta exposición enmárcase na programación de máis dun centenar de accións que o Goberno galego, a Real Academia Galega, o Consello da Cultura Galega e a CRTVG, en colaboración con numerosas empresas, entidades, administracións locais e editoriais, impulsan durante todo o ano para celebrar o 60 aniversario das Letras Galegas e homenaxear a Francisco Fernández del Riego.

Repaso pola vida e obra do autor

Francisco Fernández del Riego. Cos ollos do seu espírito repasa a traxectoria vital e profesional do autor homenaxeado, permitíndolle ao visitante asistir a un percorrido rigoroso e ameno para comprender quen foi, que legado nos deixou e o que implica a súa figura no proceso de consolidación do galego e da súa cultura nos tempos recentes.

A mostra, comisariada por Malós Cabrera e Malores Villanueva, consta de 14 paneis informativos e didácticos e mesas-vitrina con material gráfico e documental pertencente a Del Riego.
R.