A plataforma Sanidade Mediaverso fomentará os hábitos de vida saudables entre a poboación galega

A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas.
Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.
Na compaña da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán; o titular da carteira sanitaria da Xunta destacou o “carácter integral” da plataforma ao abordar o coidado da saúde desde diferentes perspectivas, que inciden no tanto no ámbito do benestar físico, como no do emocional”.
Pola súa banda, a subdirectora xeral de Programas de fomento de estilos de vida saudables, Silvia Suárez Luque; e o subdirector xeral de Sistemas e tecnoloxías da información da Consellería de Sanidade, Benigno Rosón; abordaron polo miúdo as características e posibilidades que ofrece Sanidade Mediaverso. Así, explicaron que a nova plataforma porá a disposición dos usuarios un planificador de comidas con menús equilibrados para oito semanas, e no que tamén se achegará a lista da compra necesaria, e as receitas para elaborar cadanseu menú.
Así mesmo, e co obxectivo de acadar unha boa condición física e reducir o sedentarismo, a plataforma contará coas aplicacións móbiles activAR-t e Camiña; vídeos con exercicios para realizar de xeito individual ou coa familia; a aplicación de realidade virtual EnMovemento, ademais de cursos formativos e consellos sobre a práctica do exercicio físico.
O terceiro dos piares nos que se sustenta a plataforma Sanidade Mediaverso é obenestar emocional, a saúde mental e o coidado do sono. Para elo, achegará diversos cursos con técnicas destinadas á redución do estres, pílulas audiovisuais de mindfulness ou recursos para levar a cabo unha xestión emocional axeitada.
Por último, e co ánimo de reforzar a prevención sobre o consumo de substancias aditivas ou o tabaquismo, a nova plataforma tecnolóxica da Xunta incluirá unidades didácticas para evitar o inicio do seu consumo, e tamén para axudar ao cesamento destes hábitos nocivos para a saúde.
Desenvolta pola UTE BiGXoia, Sanidade Mediaverso é un proxecto promovido pola Consellería de Sanidade, e financiado integramente con fondos europeos no marco do eixo REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
O acceso á nova plataforma da Xunta para a promoción dos estilos de vida saudables, pódese realizar desde a web Xanela aberta á familia, e ao través da seguinte ligazón:
https://vida-saudable.sergas.gal/
R.