Skip to main content

A norteamericana Lindsay Semel traducirá ao inglés a novela 'No ventre do silencio' de Méndez Ferrín

A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e a Residencia Literaria 1863 acaban de resolver a bolsa para a IV edición da Residencia Xacobeo para tradutores de literatura galega. A autora este ano será a tradutora e editora norteamericana Lindsay Semel, quen traducirá ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín.

O obxectivo da Residencia Xacobeo é estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro. Esta cuarta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor literario, neste caso Lindsay Semel, poida “traducir unha obra galega nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”, explican o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e a coordinadora da Residencia Literaria 1863, Yolanda Castaño.

A tradutora norteamericana gozará dunha estadía na Coruña durante todo o mes de marzo, instalándose na Residencia Literaria 1863, un apartamento do século XIX en pleno casco histórico, con vistas á dársena e todas as comodidades, onde todo favorece a concentración no traballo para traducir a obra de Méndez Ferrín.

Inmersión na cultura galega

Ademais, ten cuberto o billete aéreo desde Estados Unidos e unhas dietas para gastos básicos, así como aceso prioritario a museos, bibliotecas, concertos, encontros literarios, obras de teatro e outros eventos nunha cidade que conta cunha rica e diversa vida cultural. Isto xa o viviron nas anteriores edicións desta bolsa os estadounidenses Jacob Rogers e Kathleen March e o letón Arvis Viguls.

Esta colaboración entre Xunta de Galicia e Residencia Literaria 1863, no marco do Plan Xeración Cultura, pretende incentivar o labor da tradución literaria, o intercambio internacional e o traslado de obras da literatura galega para outros idiomas e sistemas literarios, facéndoo desde o mesmo contexto cultural onde foran creadas.
R.