Unha vintena de equipos participan na fase clasificatoria do programa Parlamento Xove 2024 na categoría de ESO

En total, son preto dun centenar de estudantes os que compiten nesta fase clasificatoria, na que a pregunta de debate sobre a que tiveron que argumentar a favor ou en contra foi ‘Os Estados deben tomar medidas para limitar o desenvolvemento da intelixencia artificial?’.
Parlamento Xove é unha iniciativa da Consellería de Política Social e Xuventude plenamente consolidada. Desde o seu inicio teñen debatido 518 equipos de centros escolares de ESO ou Bacharelato, e 48 de universidades, nos que participaron 2.762 persoas entre estudantes e profesorado. A estas cifras hai que engadir os 57 equipos e 223 participantes desta edición en curso.
Traballo de investigación e argumentación
Trátase dunha competición na que os diversos equipos inscritos investigan e debaten sobre un tema. A dificultade da actividade está en que só cinco minutos antes de cada encontro dialéctico procederase ao sorteo da postura a favor ou en contra a adoptar por cada equipo en relación á cuestión formulada.
A través de Parlamento Xove, o Executivo autonómico potencia habilidades e competencias da mocidade en eidos como a selección de información; a expresión oral e escrita; a orixinalidade; a argumentación razoada; o traballo en equipo ou a convivencia.
R.