A produtora Matriuska Filma co apoio da Xunta o documental 'Hoxe e o resto do mundo' sobre a historia de Sargadelos

O responsable de Industrias Culturais tivo a oportunidade de coñecer o avance do proxecto da man de Daniel Froiz, produtor executivo, e Cecilia Betz e Andrés Sanjurjo, do equipo de dirección. A directora do Museo de Belas Artes, Ángeles Pena, acompañouno tamén nesta visita á rodaxe nunha xornada durante a que se gravaron varias escenas con José Diaz Arias, fillo de Isaac Díaz Pardo.
Equipo galego
O equipo, eminentemente galego e cunha moi alta porcentaxe feminina, está a filmar en distintas localizacións das provincias da Coruña e Lugo, a través das que se reconstrúe o nacemento e a evolución da mítica fábrica de cerámica, que se deu en chamar a “Bauhaus galega” polas cores, formas e deseños vangardistas das súas creacións. Ao tempo, contarase tamén a historia de Galicia a través do seu deseño, cos seus elementos diferenciais e de calidade no centro do discurso.
Outros dos escenarios polos que discorrerá Hoxe e o resto do mundo son Cervo (Lugo), onde comeza esta historia a primeiros do século XIX, Sada (A Coruña) e Santiago de Compostela, ademais doutros espazos da cidade herculina.
O documental achegarase en primeiro lugar á figura do Marqués de Sargadelos para explicar como foi quen de poñer en pé unha industria pioneira na Mariña lucense. O percorrido continuará no século XX coa creación de Cerámicas do Castro en Sada (A Coruña) e co periplo vital de Díaz Pardo e Carmen Arias de Castro “Mimina”, en especial durante a etapa arxentina que deu como froito a alianza artística e intelectual con Luís Seoane e a recuperación de Sargadelos. Xa no século XXI, abordarase a quinta xeira da factoría e os desafíos para o relanzamento da marca.
R.