Skip to main content

Gaiás festexa as Letras Galegas cun abano de propostas que inclúen desde teatro a exposicións, actividades escolares ou unha lectura compartida

O alumnado, de primeiro curso da ESO, realizará unha escolma de poemas previa ao encontro, para intercambiala entre os dous centros e posteriormente realizar unha posta en común na Cidade da Cultura. O encontro estará animado e moderado pola autora Nuria Vil, que desde 2016 forma parte do espectáculo de poesía escénica Dúas Gamberras e un Micro, da plataforma de crítica literaria A Sega e, recentemente, do proxecto multidisciplinar Indóciles, no que achega ao público a obra de Luísa Villalta xunto a Vero Rilo e Mónica de Nut —que tamén conta cunha función no Gaiás este 25 de maio—.

Ademais, a Cidade da Cultura convida a todas as persoas que o sábado 11 visiten o complexo a prestar as súas voces para darlle vida aos versos de Luísa Villalta. Nesta lectura compartida, que será gravada en vídeo e difundida pola rede, poderán ler un dos textos da escolma realizada pola tamén poeta e profesora Oriana Méndez (Vigo, 1984), que abrangue vinte poemas dos catro títulos que Villalta dispuxo en vida para a súa publicación: Música reservada (1991), Ruído (1995), Rota ao interior do ollo (1995) e En concreto (2004).

Actividades na Biblioteca de Galicia

Á celebración do Día das Letras Galegas no Gaiás súmase tamén a Biblioteca de Galicia con tres propostas para públicos de todas as idades. Así, o sábado 11 de maio, a cativada e as súas familias poderán gozar da representación teatral Isaura e Tristán. Contastorias , unha enxeñosa peza de monicreques de Fantoches Baj baseada na da novela de Luísa Villalta As chaves do tempo.

Precisamente dúas semanas despois, o sábado 25 de maio, será a quenda do público adulto coa representación de Indóciles, un espectáculo a tres mans no que Vero Rilo, narradora, Nuria Vil, recitadora, e Mónica de Nut, música, nos mergullan no legado literario provocador e rebelde que nos deixou Luísa Villalta.

Por último, todas as persoas que ata setembro visiten a Biblioteca de Galicia, terán a oportunidade de achegarse aos fondos bibliográficos que conserva relativos á escritora homenaxeada este ano, e que se exhibirán na mostra Luisa Villalta, a memoria dos sons.

Todas as actividades son de balde, aínda que para os dous espectáculos teatrais é preciso reservar praza previamente na web da Cidade da Cultura de Galicia.
R.