Estudiantes y profesionales debatirán sobre la transparencia en la comunicación mediática contemporánea

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del Club Internacional de Prensa y por la organización del curso:
A crecente demanda de transparencia en diversos eidos da comunicación, desde a televisión e o cinema até a comunicación institucional ou a fotografía, será o eixo central do Curso de Verán “Principios da Comunicación Mediática Contemporánea” que se desenvolverá entre os días 16 e 19 de xullo na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela.
Este curso, presentado na sede do Club Internacional de Prensa en Santiago, está organizado pola propia Facultade e a Vicerreitoría de Cultura da USC, e conta coa colaboración da Secretaría Xeral para as Relacións cos Medios Informativos da Xunta de Galicia, a Compañía de Radio-Televisión de Galicia, Deputación da Coruña e a Fundación Caixa Galicia.
Na presentación do curso interviron o secretario xeral de Comunicación da Xunta de Galicia, Fernando Salgado, o director de Relacións Externas e Comunciación da CRTVG, Pastor Lorenzo Sola e a directora do Curso de Verán, a profesora da Facultade de Ciencias da Comunicación, Antía López Gómez.
As xornadas centraranse no debate arredor da substitución do dereito cidadán a unha comunicación transparente, tanto no goberno como nos medios de comunicación, polo “dereito a velo todo”. Esta suplantación é a razón de ser da proliferación de formatos que buscan a apariencia de autenticidade, como é o reality show na televisión ou o falso documental no cinema, así como tamén é causa da multiplicación dos fluxos de información desde as institucións públicas e privadas.
O curso de verán “Principios da comunicación mediática contemporánea” pretende crear un punto de encontro no que estudantes universitarios, profesionais, profesores e o público en xeral reflexionen de maneira crítica sobre a noción de transparencia comunicativa e o papel que en relación a ela xogan os medios na nosa sociedade actual.
Co fin de promover a participación activa e o debate, as xornadas estruturanse arredor de conferencias en horario de mañá e obradoiros prácticos polas tardes, onde profesionais da publicidade, a comunicación institucional, o cinema e a fotografía presentarán diferentes formas de traballar baixo a estratexia da transparencia.
A matrícula para asistir a este curso de verán permanece aberta ata o 6 de xullo e o prezo xeral é de 120 euros. Os estudantes universitarios, desempregados, profesorado de PAS da USC dispoñen dunha taxa reducida de 70 euros. Asemade, recoñécense 2 créditos de libre configuración para o alumnado da USC.
R.