Skip to main content

Tercera edición de Curtas na Rede: el incremento de las categorías y a apertura del concurso al exterior, entre las novedades

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, e o Consello da Xuventude de Galicia (CXG) presentaron a terceira edición do Concurso de Curtametraxes na Rede, Curtas na Rede. O concurso, que rematará o 29 de outubro, conta nesta convocatoria con novas e atractivas modalidades.

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, destacou “a consolidación” do Concurso de Curtametraxes, Curtas na rede, ao tempo que animou a que a participación na terceira edición, presentada hoxe, sexa abundante. Así o salientou Fernando Salgado, nun acto no que estivo acompañado polo director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, e a presidenta do Consello da Xuventude de Galicia, Mª Dolores Rodríguez Amoroso.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación referiuse de xeito sucinto ás novidades que presenta a edición de Curtas deste ano. Así, falou da división das categorías en ficción e documental e da nova categoría de curtas de animación. Referiuse ademais ao feito de que a convocatoria deste ano “é mais aberta” ao permitir a entrada ás linguas oficiais do Estado. En terceiro lugar, subliñou o apoio dado ao concurso por parte das 14 entidades colaboradoras. Neste sentido, salientou que a incorporación do Eixo Atlántico como entidade colaboradora supón “o establecemento dunha ponte dixital con Portugal”.

Curtas na Rede diríxese a todas as persoas, a partir dos 15 anos en adiante, interesadas no mundo da creación audiovisual e multimedia. A inscrición é gratuíta e realízase a través dun formulario que os interesados poden atopar na páxina web www.curtasnarede.es . O prazo de inscrición estará aberto desde o 14 de febreiro ata o 8 de setembro.

A categoría estrela do concurso é a de curtametraxes na que o ano pasado participaron 78 proxectos. Os inscritos deben realizar unha curta inédita que non poderá exceder os cinco minutos de duración e que deberá versar sobre as temáticas de inmigración, saúde e sexualidade e visións nosas/ visións alleas (temática libre). Ademais desta categoría, e coa mesma limitación e duración, este ano incorpórase a categoría de curtametraxes de animación de temática e xénero libre.

Completan o concurso dúas categorías máis, a de micromovies e a de cápsulas. A categoría de micromovies responde a traballos realizados coa cámara do teléfono móbil que non poderán exceder os 30 segundos de duración. Neste caso, a temática e o xénero son libres.

As cápsulas son unha nova modalidade de categoría baseada en pezas curtas cunha duración non superior aos tres minutos, na que se establecen tres subcategorías: musicais, promos e cápsulas de lingua. Ademais do anterior, as persoas inscritas no concurso, ao igual que o ano pasado, terán a posibilidade de crear unha bitácora de rodaxe.

Ademais do anterior, pretendese seguir potenciando a páxina web creada con motivo do concurso www.curtasnarede.es que este ano integrará novas ferramentas como os videopodcast.

En canto aos premios, este ano aumenta a contía nun 40% con respecto á pasada edición. Así, contase cun total de 35.000 euros a repartir entre as diferentes categorías. Cada unha destas recibirá un máximo de 1.500 euros agás a categoría de animación que recibirá un tratamento especial tendo en conta o grande esforzo que implican os traballos. Así, neste formato, o primeiro premio estará dotado con 3.000 euros, con 1.000 o 2º, e con 500 o 3º. Como novidade para esta terceira edición atopase o premio especial do xurado e do público, así como os premios ao mellor guión e á mellor dirección.

Para levar a cabo a edición deste ano, ademais dos organizadores, contouse coa colaboración de numerosas entidades. Así, participan en Curtas na Rede 2008, a Secretaría Xeral de Emigración, a Secretaría Xeral de Política Lingüística, a Dirección Xeral de Saúde Pública, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade, a Axencia Audiovisual Galega, o Consorcio Audiovisual de Galicia, a Compañía de Radiotelevisión de Galicia (programa Onda Curta), a Compañía R. Cable e Telecomunicacións Galicia S.A, a Deputación da Coruña, a Fundación Caixa Galicia, o Consejo de la Juventud de España (CJE), a compañía Siemens, a Fundaçao da Juventude e a participación do Eixo Atlántico.

Na súa intervención, a presidente do Consello da Xuventude de Galicia, Mª Dolores Rodríguez Amoroso, agradeceu a colaboración da Secretaría Xeral de Comunicación constituíndo “unha aposta a prol da mocidade que permite que os proxectos se fagan realidade”. Asimesmo, animou á participación no concurso, ao tempo que destacou que esta edición presenta un “novo” Curtas froito das achegas dos participantes das anteriores edicións.

Ademais de presentar Curtas na Rede 2008, o acto serviu para que a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consello da Xuventude de Galicia asinaran un convenio de colaboración para a realización de diversos proxectos de comunicación dixital e linguaxes audiovisuais para a mocidade. Fernando Salgado salientou que esta sinatura “supón un paso adiante na estreita colaboración establecida entre a Secretaría Xeral de Comunicación e o Consello da Xuventude de Galicia”. Para a realización das actividades ás que fai referencia o convenio, entre eles a co-organización de Curtas na Rede, a Secretaría Xeral de Comunicación realiza unha achega de 149.000 euros.

Este convenio recolle que a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, desenvolverá conxuntamente co CXG unha serie de accións formativas dirixidas ao tecido asociativo xuvenil galego e á mocidade, co fin de permitir a entrada destas entidades na cultura dixital. Ademais recolle a realización de diversos obradoiros sobre a relevancia informativa da blogosfera galega.

Estes proxectos desenvolveranse ao longo de todo o ano 2008 a través da rede de aulas multimedia e telecentros de comunicación da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual e outras instalacións axeitadas para o desenvolvemento das actividades. Tal e como indicou Fernando Salgado, a través deste convenio a Secretaria Xeral de Comunicación “pretende promover as novas tecnoloxías e linguaxes audiovisuais entre a mocidade galega”.

Froito deste convenio de colaboración levaranse a cabo varios cursos e obradoiros. Así, realizarase un curso de formación de 120 horas baixo o título Cómo ser relacións públicas na rede. Novos xacementos de emprego. Asimesmo, desenvolverase un curso de podcasting e radio por internet, entre outros.
R.