Skip to main content

Presentada la Plataforma Integral de Servicios en la Red: www.audiovisualdegalicia.es

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, presentou a Plataforma Integral de Servizos Audiovisuais na Rede conformada por dous proxectos, Cine Galego na Rede e www.audiovisualdegalicia.es. A iniciativa presentada hoxe conta coa participación e apoio das principais produtoras audiovisuais galegas.

Esta iniciativa da Secretaría Xeral de Comunicación ten coma finalidade a adecuación do noso audiovisual ás novas forma de transmisión de contidos, acercándonos a un novo xeito de desenvolver campañas de promoción e á necesidade de adaptar os contidos a novos formatos que xa empeza a reclamar o mercado, e que serán imprescindibles no futuro.

O director xeral de Comunicación Audiovisual, Manuel José Fernández Iglesias, explicou na súa intervención que a iniciativa xorde nun contexto no que dentro de poucos meses haberá en Galicia máis de corenta canles de televisión privadas que van precisar contidos para as súas programacións. Así, referiuse ao feito de que as novas canles de comunicación se van ter que adaptar a unhas características programáticos que pasan pola calidade dos contidos, ou a emisión en lingua galega, entre outras.

Fernández Iglesias avanzou que os instrumentos postos en marcha hoxe constitúen as ferramentas básicas para “a partir de agora traballar con todos os axentes implicados, como as produtoras, a TVG e os organismos competenciais nunha aposta clara polo audiovisual galego”.

A plataforma integral de servizos audiovisuais pretende abrir o camiño cara a necesaria dixitalización da nosa produción audiovisual. Asimesmo, búscase adecuar o audiovisual galego ás novas formas de transmisión de contidos coa suficiente antelación para o “apagón analóxico”, destacou.

Entre os retos que se propón a Secretaría Xeral de Comunicación coa iniciativa atópase a modernización do audiovisual galego adaptando todas as accións, os contidos e proxectos, aos novos formatos e ás necesidades reais que serán imprescindibles no futuro. Trátase, ademais de promocionar o presente, o pasado e o futuro do audiovisual galego. Ademais, “a iniciativa presentada xorde da necesidade de internacionalizar o audiovisual galego para que poida ter vida noutros mercados”, destacou o director xeral.

Asimesmo, a plataforma servirá de apoio ás accións de marketing desenvolvidas polas produtoras e demais institucións con competencias no audiovisual, ao tempo que xera un xeito novo de desenvolver campañas de promoción.

Segundo Fernández Iglesias www.audiovisualdegalicia.es “é un portal que aglutina o audiovisual propio e pretende ser a porta de referencia do audiovisual galego, a porta de entrada única do audiovisual creado ou filmado en Galicia”. Tal e como explicou, englóbase nun só portal toda a temática audiovisual galega ofrecendo a posibilidade de subscrición a todos os contidos a través de RSS. É un portal que comparte a información noutros sitios web garantindo a difusión, o recoñecemento, a posta en valor e a divulgación do audiovisual galego.

Constitúe unha web na que se rompe co deseño web tradicional baseado nun menú de navegación, na que todo varía en función do contido, o ritmo e a imaxe de cada fotograma. A páxina presenta un fluxo de vídeo continuo que se nutre do cine galego na rede, de xeito que se aproveitan as sinerxías entre proxectos mantendo o obxectivo de promocionar o cine creado ou filmado na comunidade.

O aspecto innovador reside no feito de converterse nun agregador audiovisual, é dicir, os seus contidos proveñen de diversas fontes externas relacionadas, dunha ou outra forma, co audiovisual galego. Así, o portal aglutina toda a información que xa existe en internet renovando a información desde a súa fonte primaria, conseguindo gran velocidade de actualización. Esta unión de contidos e acceso á información conséguese a través da sindicación de contidos a través de RSS.

Cine galego na rede (www.cinegalego.es) é unha canle que abre unha nova vía para a promoción e difusión das obras feitas en Galicia e tamén constitúe unha nova fiestra de explotación comercial, aproveitando as vantaxes de inmediatez e universalidade que ten a rede. O proxecto estruturado en fases, congrega ata o de agora os trailers de 54 documentais, 56 longametraxes, 17 series de ficción , 44 series documentais e 8 TVmovies. Tamén incorpora 69 curtametraxes das pasadas edicións do concurso Curtas na Rede.

O director xeral de Comunicación Audiovisual destacou que se trata dun proxecto “moi ambicioso e innovador co que se reflicte a continúa evolución do audiovisual galego e a súa profesionalización o que a sitúa ao mesmo nivel que as principais cinematografías nacionais”.

Cine galego na rede forma parte da plataforma e creouse para dixitalizar e clasificar as producións galegas seguindo estándares internacionais. O fin que persegue é a promoción do noso audiovisual, ao tempo que se proporciona unha plataforma que sirva de escaparate do audiovisual feito en Galicia. Asimesmo, tal e como destacou o director xeral, facilita o acceso aos contidos audiovisuais ás canles de televisión local e da TDT, permitindo o acceso aos datos fundamentais para negociar a súa emisión.

Fernández Iglesias subliñou que estas actuación forman parte dun proxecto global do audiovisual posto en marcha desde a Secretaría Xeral de Comunicación, a través da Dirección Xeral de Comunicación Audiovisual, que integra a Rede de Telecentos de Comunicación ou a televisión por internet, entre outros.

Todo o investimento e esforzo que se está a realizar non ten outro sentido que o de incrementar as ventas do audiovisual galego, abrindo novas vías para facilitar a súa explotación comercial, tanto directa coma indirectamente, facendo fincapé nas posibilidades reais de exhibición tanto a nivel nacional coma internacional.
R.