Skip to main content

Nova etapa e expansión da plataforma en Internet www.galiciadigital.com

www.galiciadigital.com é unha plataforma en Internet creada a comezos de 2000, que nos últimos anos ten rexistrado incrementos de visitas de arredor dun cen por cento anual. En 2007, as visitas foron 7.098.288, con 22.631.026 páxinas vistas.

A plataforma ven actuando en catro campos ben definidos:

· Na información diaria, cunha das mellores axendas informativas de Galicia, editorial, panel de opinións e noticias de actualidade.

· Na información intemporal, cun abano de portais dedicados ós máis diversos aspectos da vida galega: empresas, webs, galegos, institucións, turismo... 20 portais informativos.

· No aspecto técnico, funcionando como centro de aloxamento de webs, rexistro de dominios, confección de páxinas webs e asesoría en temas de comunicación e Internet. Neste aspecto, Interdix Galicia posúe un programa especial de creación propia para a confección automática de páxinas web mesmo por parte de persoas sen coñecementos de informática.

· No aspecto formativo e de difusión de Internet, coa Aula Virtual Itinerante (O Bus de Internet), co que ten efectuado numerosas campañas formativas e informativas.

Co reforzo que a empresa experimenta, vai emprender unha acción de impulsión informativa, aumentando a súa presenza como medio informativo diario, incrementando contidos da información atemporal, e coa creación en Galicia dunha rede comercial que permita que distribuidores locais poidan actuar autonomamente en todo o país, reforzando a presenza de www.galiciadigital.com na Internet como un dos máis importantes portais informativos non dependentes de medios escritos.

Quen desexe maior información sobre os plans de futuro de www.galiciadigital.com, pode dirixirse ó correo info@galiciadigital.com.



Carta de presentación de Domingo Goás Chao
Con grande ledicia e maior agradecemento, fun acollido na residencia de luxo Galicia Dixital polos donos da Institución, non como un fillo pródigo, senon como un amigo máis que é o maior capital que me poden e lles poido ofertar: amizade con lealdade.

Aínda que a ninguén lle interese, entendo que é unha obriga moral presentarme diante dos milleiros de visitantes do portal.

Xa son vello, polo que aporto soamente experencia. Considérome un home universal. Atópome na miña casa o mesmo en Nova York como en San Petersburgo; en París como en Bos Aires ou en Praga como en Río de Xaneiro. Son e síntome europeo, e son español e galego. Non renuncio a ningunha de tales nacionalidades nin antepoño ou pospoño unhas a outras. Ideoloxicamente non pertenzo a ningún partido político. Pola miña profesión son independente. Agora si, síntome liberal e, como fillo da cultura europea occidental, considero que a verdade me fai libre e trato de ser coherente na miña vida cotiá con tal principio e cos máis que predica a nosa cultura cristiá na que procuro actuar. E se non polas obras, polos ditos e escritos me coñeceredes.

Co máis grande agradecemento ós meus socios e amigos Carlos e Xulio, saúde e liberdade.

Domingo Goás



Ampliación do cadro de persoal
De inmediato, para afrontar esta nova etapa de impulsión, www.galiciadigital.com precisa aumentar o seu cadro de persoal coa contratación de especialistas nas categorías de programadores-administradores de sistemas, deseñadores web, xornalistas e comerciais.

Agradecemos ós posibles interesados e interesadas se dirixan ó noso correo electrónico info@galiciadigital.com.

R.