Skip to main content

Finaliza el rodaje del documental Cantos rodados

Vén de pecharse a rodaxe do filme documental Cantos rodados, dirixido por Xoel Méndez e producido por Ficción Producciones. Esta fita quere ser un chamamento a prol da integración social dos diminuídos intelectuais, a través da experiencia do centro de integración San Xerome Emiliani, na Garda.

A música amansa as feras pero... quen amansa a música? No ano 2003 impartiuse no San Xerome un taller de musicoterapia que tivo un desenlace inesperado. Generoso descubriu a súa innata destreza para a percusión. Malia a súa discapacidade severa, que non lle permite tan sequera manter a verticalidade e lle anula case por completo a visión, Generoso amosouse perfectamente capaz de tocar este instrumento, e mesmo cun sentido do ritmo e unha entrega envexables.

Froito deste descubrimento naceu Xerock, unha “banda de sanación e meditación” composta -amáis de Generoso- por Vanesa, Borja, Carliños e Álvaro, alumnos do San Xerome, e os traballadores do centro Ciano e Víctor, dous guitarristas que cazaron o talento desta tropa e foron detrás. Ata hoxe, que Xerock xa ten un disco editado e numerosos concertos no seu caderno de bitácora. Nun deses concertos, colofón da fita, comparten escenario con The Ellas, o grupo de Luís Tosar. O actor galego é un vello coñecido e fan de Xerock.

Cantos rodados é un proxecto documental concebido a xeito de traballo de campo. Ao longo de tres meses, cun equipo técnico reducido para acadarmos menor ‘impacto ambiental’, rexistramos os ensaios, as luces e as sombras dun colexio, o San Xerome, que ferve a cotío. A estrea do filme está prevista para o vindeiro verán.

En clave de cinema directo e á marxe de estrictas tipoloxías, Cantos rodados quere ser un documental creativo que combina a ortodoxia do compromiso cos feitos, coa experimentación do cinema de autor dos nosos días. Cantos rodados quere somentes trasladar a mensaxe dos Xerock, destes rapaces luídos polos infortunios da xenética e que son todo un exemplo de vitalidade, de loita e de actitude rockeira.

Porque o home aínda ten que aprender a ser humano.
R.