Skip to main content

El telefilme A Mariñeira, seleccionado en los festivales Prix Europa y Golden Chest de Bulgaria

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de Ficción Producciones:

Logo dun exitoso periplo de proxeccións por terras galegas e de alén, o telefilme “A Mariñeira” vén de ser seleccionado en tres novos festivais de prestixio: o Prix Europa, o Festival de Cine de Ourense e o Golden Chest Festival de Bulgaria.

Tras acadar o premio “Gold Remi” na categoría de ouro na 41 edición do WorldFest Houston Film Festival”, o máis antigo do mundo de Cine e Vídeo independente-, o telefilme “A Mariñeira” quere continuar a súa galardoada singradura polos festivais de todo o mundo. Desta vez foi seleccionado no Prix Europa de Berlín (en sección fóra de competición), no Festival de Cine de Ourense (dentro da sección Memoria Histórica da sesión non competitiva) e no Golden Chest Festival de Bulgaria. Neste último será proxectada o día 24 de Setembro, e contará coa presencia da súa protagonista, Camila Bossa e un representante da TVG. En todas as citas será proxectada na súa lingua orixinal, o galego, e con subtítulos.

“A Mariñeira” é un telefilme rodado durante os meses de Xuño e Xullo e producido por Ficción Producciones, a TVG, a Consellería de Cultura, Diagonal TV, a Televisión de Catalunya e o ICIC. A rodaxe levouse a cabo nas localidades de Quilmas, O Pindo, Corcubión e Dumbría.

O devandito telefilme, dirixido por Antón Dobao e filmado en galego, está baseado nun relato literario de Darío Xohán Cabana titulado “A Mariñeira de Quilmas” que se basea en feitos reais, destinados quizais a se diluíren co paso das xeracións, e pertence ó proxecto Un mundo de historias, denominación que agrupa unha liña de traballo organizada arredor da translación a imaxes de obras da literatura galega.

Un proxecto de alto valor cultural que permitiu levar a un medio popular, como é a televisión, obras de insignes escritores galegos.

R.