Skip to main content

Presentado el Diccionario de Cine de Galicia que incorpora a los actores y reafirma a la TVG como motor del audiovisual

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O secretario xeral de Comunicación, Fernando Salgado, salientou na presentación do Dicionario de Cine de Galicia 1896-2008 que o volume constitúe, xunto con Rodado en Galicia e o Catálogo de Actores e Actrices de Galicia, as tres grandes obras de referencia do audiovisual da comunidade. “Tres volumes en continuo crecemento e tres grandes obras de referencia que trazan a historia e o horizonte do audiovisual de Galicia, un sector que conquista novos horizontes e abre novas fronteiras”, subliñou. No acto estivo acompañado polo director xeral de CRTVG, Benigno Sánchez, un dos coordinadores do volume, Miguel Anxo Fernández, e o director de Acción Social de CaixaGalicia, José Manuel García Iglesias.

Na súa intervención, o secretario xeral de Comunicación anunciou que o martes 3 de febreiro o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, participará en Madrid na presentación do catálogo dos actores e actrices galegos da AAAG na Fundación AISGE. Un acto que contará coa presenza da propia presidenta da institución, Pilar Bardem, así como cun elenco dos actores máis coñecidos da comunidade como María Castro, ou Camila Bossa.

O Dicionario do Cine de Galicia, concibido como obra de referencia na bibliografía audiovisual galega, recolle en máis de 600 páxinas os centros de nomes de profesionais galegos que en máis dun século de cine, mantiveron e manteñen relación coa sétima arte tanto en Galicia como noutras cinematografías, incluído o cine de Hollywood.

Fernando Salgado explicou que a publicación recolle dúas novidades con respecto ao volume inicial. A primeira, polo que supón como principal engadido, é a nutrida incorporación de voces correspondentes ao gremio actoral, que, desde o ano 2000, non só atopou producións nas que amosar a súa capacidade profesional, senón que ademais está a acadar forte repercusión máis alá do linde galego. A segunda, indicou, a constatación da Televisión de Galicia como un dos principais motores do audiovisual, tanto en produción propia como concertada a través de teleseries, tvmovies e longametraxes.

Trátase dunha obra de referencia que, a xeito de inventario e como ferramenta para investigacións posteriores, ofrece un censo preciso e rigoroso dos protagonistas da tan complexa como fascinante e tamén frutífera traxectoria cinematográfica, que arranca practicamente desde a orixe do propio cine, no devecer do século XIX ata unha actualidade en permanente fervenza.

O Foro Galego do Audiovisual, que promoven o propio CGAI e a Fundación Caixa Galicia, asumiu, coa colaboración da Compañía de Radio Televisión de Galicia, unha reedición revisada e ampliada co xenérico Dicionario do cine en Galicia. 1896-2008, coa intención de ofrecer un texto informativo, capaz de asignar datos, precisar detalles biográficos ou temáticos e situalos debidamente no contexto histórico e fílmico.

Un cualificado equipo de especialistas, investigadores e historiadores, na súa gran parte xa presentes no volume anterior, asumen o desafío baixo a coordinación de José L. Cabo e Miguel Anxo Fernández; participan tamén Ángel L. Hueso Montón, Carlos Aguilar, Carlos A. López Piñeiro, Emilio C. García Fernández, Eduardo Galán, Pepe Coira, José Herbón, Jorge Gorostiza, José Luis Castro de Paz, Josep Lluis i Falcó, José M. Folgar de la Calle, José M. Sande, Jaime Pena Pérez, Manuel González, Rita Martín, Santos Zunzunegui, Xosé E. Acuña e Xosé Nogueira, entre outros.
R.