A Axencia Galega de Emerxencias adquire un novo helicóptero

O carácter polivalente do novo aparato garante a súa versatilidade e, polo tanto, a súa capacidade de adaptación a calquera tipo de emerxencia. Este helicóptero, un Eurocopter biturbina dotado con tecnoloxía punteira, está preparado para o rescate e busca de persoas, o apoio, mando e control dos organismos de intervención en emerxencias e catástrofes, recoñecementos do territorio e transporte de material e persoas. Está, ademais, capacitado para ser medicalizado, polo que se fose necesario podería participar tamén no traslado de feridos e pacientes, como fan na actualidade o H-3 e H-4.
O helicóptero, que dispón dunha autonomía de voo superior ás tres horas e unha velocidade de cruceiro de 180 quilómetros á hora, está dotado cunha grúa de 50 metros de lonxitude e dúas velocidades: unha rápida para reducir os tempos no rescate e unha lenta, se o que se pretende é acadar unha maior precisión. Esta grúa poderá levantar, con arnés ou en padiola, a dúas persoas, pois resiste ata 200 quilogramos de peso. Ademais, ten un gancho de carga co que non se pode rescatar a persoas, pero que si permite o transporte de materiais, por exemplo, un Bambi Bucket moi útil para a intervención en incendios forestais ou elementos para a recollida de animais atrapados nalgún lugar de difícil acceso. O helicóptero conta tamén cun sistema de megafonía e sinais acústicos que se porían en marcha no caso de catástrofes co fin de manter alertada á poboación.
No apartado de comunicacións, o aparato está dotado de tecnoloxía GPS, telefonía móbil e radio trunking e VHF, que permitirán ao persoal de cabina manter un contacto permanente no só co Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, senón tamén con outros helicópteros que estean participando no operativo e cos organismos de intervención que estean traballando ao pé da emerxencia. Isto repercutirá positivamente na coordinación, xestión e planificación da resposta ás emerxencias.
Neste helicóptero poderán viaxar un total de 6 pasaxeiros, entre os que se contan o piloto e, cando sexa necesario, un operador de grúa. A composición do equipo de rescate poderá variar segundo as necesidades de cada emerxencia. O aparato ten capacidade para soportar un total de 2.600 quilogramos de peso e dispón dun tren de aterraxe ríxido con forma de esquí, o que lle permitirá tomar terra en calquera tipo de firme e incluso realizar apoios parciais.
Ademais, as súas dimensións reducidas e o seu carácter ergonómico garanten a súa adaptabilidade ás condicións orográficas de Galicia. Igualmente, o novo helicóptero conta co material de rescate necesario para a primeira asistencia sanitaria, isto é, padiolas ríxidas, inmobilizadores, collarines, félulas e colchóns de baleiro.
O sistema de arranque automático do que dispón este apartado asegura que o despegue se faga cinco minutos despois da recepción da alerta. Con este helicóptero está previsto que a maior parte do territorio galego estea cuberto nun tempo medio de 15 minutos e, en menos de media hora, os puntos máis afastados da Comunidade como, por exemplo, Ribadeo, A Mezquita ou A Garda. Este vehículo estará operativo de orto a ocaso os 365 días do ano.
Os helicópteros polivalentes do 112 Galicia que xa operan desde as bases de Santiago de Compostela e Ourense realizaron durante o pasado ano un total de 548 servizos nos que empregaron 479,84 horas de voo. A maior parte das súas saídas estiveron relacionadas con traslados sanitarios primarios (desde o lugar do accidente ou situación do paciente ata os hospitais de referencia), seguidos dos secundarios (entre dous centros hospitalarios), busca de persoas, simulacros e operativos de Protección Civil.
R.