Skip to main content

La crisis económica provoca el cierre del único diario en gallego: El Correo Gallego cierra la edición impresa de Galicia Hoxe

Información publicada en las webs de Galicia Hoxe y El Correo Gallego

"Galicia Hoxe sae por derradeira vez o 28 de xuño, aniversario do primeiro Estatuto de Autonomía de Galicia e da volta dos restos de Castelao para seren enterrados no Panteón de Galegos Ilustres. A crise económica, especialmente virulenta no sector dos medios de comunicación, e, sobre todo, o radical recorte das axudas institucionais converten en inviable o proxecto do único diario en galego, que naceu o 17 de maio de 2003 e que morre oito anos despois, con 2.943 números editados e 130.000 páxinas. Dezanove profesionais, entre periodistas e filólogos, quedan sen traballo. O Grupo Correo Gallego manterá o espírito de Galicia Hoxe na rede, a través da cabeceira www.galiciahoxe.com

Herdeiro de O Correo Galego, que estivo nos quioscos do noso país entre o 6 de xaneiro de 1994 e o 16 de maio de 2003, coa morte do GH pecha o Grupo Correo Gallego unha aventura empresarial única, na que durante dezaoito anos apostou con decisión pola información en galego. Foi unha pelexa en solitario, cun equipo de profesionais exemplar e cun importante esforzo económico e de medios, malia que cunha tibia resposta social e institucional, para nada comparable cos apoios do Goberno vasco e da Generalitat catalá a proxectos mediáticos similares.

Nos seus oito anos de vida, Galicia Hoxe consolidouse como o periódico coa maior oferta de información cultural de cantos se editan no noso país. Pola sección Maré desfilaron a práctica totalidade dos protagonistas da actividade cultural, tanto da oficial como da alternativa. Ademais, o GH coidou especialmente as publicacións paralelas, máis dunha trintena -unha por trimestre, durante os seus seis primeiros anos de vida-, todas de balde, dende a colección 'Os pillabáns', en colaboración con Sotelo Blanco, e a primeira colección de curtas galegas, editada co CGAI, até 'De nunca máis a más alá', escolma de artigos de Xosé Manuel Beiras; sen esquecer 'Pan comido', o exitoso libro de receitas de Sela Cea; 'Mar de estrelas', un coleccionable con espectaculares fotos de Jorge Candán, ou 'Todo pasa, todo queda', ensaio de Soedade Noia e de Ferrán Grau sobre a recuperación da memoria histórica, ademais de 'A fontanela', revista cultural de vangarda ideada por Antón Lopo, pai, tamén, de Revista das Letras, o caderno cultural máis lonxevo, que este maio pasado cumpriu vinte anos.

Xunto coa súa especial atención ao mundo da cultura, no ADN do Galicia Hoxe quedan marcados para a historia o seu compromiso cunha autonomía de máximos -foi o único periódico que publicou en portada un editorial en defensa do Estatuto de nación- e a súa defensa dunha ordenación territorial sostible e respectuosa co medio natural, completado cun seguemento exhaustivo dos movementos sociais e dos colectivos marxinados.

Remata, en fin, unha aventura que comezou o Día das Letras do ano 2003 co soño de demostrar que outro periodismo é posible, asentado nos piares da liberdade, da obxectividade, da verdade, da tolerancia e do amor a Galicia. Aquel 17 de maio, José Manuel Rey, conselleiro delegado, falou de “canto nos gustan as revolucións incruentas, como as que levamos moitos anos facendo nesta Casa”. O GH foi un proxecto revolucionario, aberto ás opinións plurais dos preto de cen colaboradores que asinaron con regularidade nas súas páxinas de Opinión -entre eles, por citar só uns poucos, Beiras, Ceferino Díaz, Antón Losada, Fernán Vello, Perozo, Gaciño, Juan López Rico, Palmeiro, Pablo Vaamonde, Carlos Callón, Luis Pousa, Henrique Alvarellos, Isidro Novo, Vidal Villaverde, Anxo Tarrío, Marcelino Agís, Craig Patterson, Juan L. Blanco Valdés, Alberte Brenlla, Rivas Troitiño, Pedro Rielo, Xavier Castro, Clodio González, Dourado Deira, Giráldez, Camilo Nogueira, Sotelo Blanco e Filipe Díaz-, comprometido coa súa sociedade e co seu país, e que non traicionou en ningún dos seus 2.943 números a súa vocación de servicio nin a súa aposta pola información de calidade. Ese é o legado do Grupo Correo Gallego nas máis de trescentas mil páxinas editadas no noso idioma dende o 6 de xaneiro de 1994".

Nota de prensa remitida por el Colexio de Xornalistas de Galicia (CPXG)

O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamenta o peche da versión en papel de Galicia Hoxe, que deixará de estar nos quioscos a partir do martes 28 de xuño como consecuencia, segundo sinalan no seu propio web, da "crise económica e radical recorte das axudas institucionais". Ademais, o CPXG manifesta a súa profunda preocupación polo despedimento dos seus dezanove traballadores.

Como xa ten manifestado a Xunta de Goberno do CPXG en máis dunha ocasión, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión, pero, nomeadamente, para o conxunto da sociedade, que perde en pluralidade informativa e neste caso, un medio de referencia en galego.

A notificación de despedimento para os 19 traballadores resulta especialmente preocupante e lamentable, dado o feito de que desde xaneiro de 2011 aceptaron un ERE que xa viña mirrando as súas horas de traballo e salario. O CPXG quere, neste sentido, facer un chamamento ás empresas para que se impliquen na defensa dos empregos en condicións laborais dignas nunha situación de crise económica que está a golpear ao sector xornalístico e con especial dureza aos periodistas.

Por outro lado, a referencia do propio medio á "crise económica e recurte das axudas institucionais" como causa da inviabilidade da cabeceira obríganos a lembrarlles ás as institucións galegas que deben velar por un espazo comunicativo plural e defender a presenza nel do idioma galego, tal e como establece o Estatuto de Autonomía no seu artigo 5. (Os poderes públicos de Galicia garantirán o uso normal e oficial dos dous idiomas e potenciarán o emprego do galego en tódolos planos da vida pública, cultural e informativa).

Non debemos esquecer que a desaparición da edición en papel de Galicia Hoxe supón a continuación dun proceso de peche de proxectos informativos en galego que contribuíron a creación dun espazo comunicativo propio, como Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira. A cabeceira Galicia Hoxe achegaba dende o ano 2003, información diaria en galego e amosou dende os seus comezos o seu compromiso coa defensa do idioma e a cultura deste país.

Por esta razón, apelamos á responsabilidade da Xunta de Galicia e de todas as administración públicas para que poñan de manifestó o seu compromiso claro e efectivo para que o idioma propio de Galicia non desapareza definitivamente das cabeceiras impresas galegas e que apoien a aqueles medios que contribúen a unha maior pluralidade informativa no mapa mediático galego.

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación del BNG:

O Bloque Nacionalista Galego quer expresar o seu pesar polo feche do xornal Galicia Hoxe, anunciado pola súa empresa editora, polo que representa de recorte do pluralismo informativo no noso país.

Estamos ante unha nova má noticia para a lingua galega, desde o momento en que Galicia Hoxe era o único medio redixido no noso idioma con periodicidade diaria.

É evidente que o feche de Galicia Hoxe é produto das políticas anti-galego que desprega o Goberno galego en mans do Partido Popular. Desde que goberna Feijóo en Galiza, fecharon tres medios de comunicación monolingües en galego: A Nosa Terra, Vieiros e agora Galicia Hoxe.

O Partido Popular non ten movido nin un dedo para, desde a Administración pública, apoiar a constitución dun espazo galego de comunicación, imprescindíbel para a normalización da nosa lingua e para o fortalecimento do pluralismo social e político consustanciais a unha democracia que se di avanzada.

O BNG solidarízase especialmente coas traballadoras e traballadores que perden o seu emprego ao fechar Galicia Hoxe: as políticas de ataque á lingua galega do Partido Popular son tamén destrutoras de riqueza e de postos de traballo.
R.