Skip to main content

Xornal de Galicia cierra su edición en papel y mantiene su apuesta por la información únicamente a través de la web

Información publicada en: http://www.xornal.com/artigo/2011/08/02/comunicacion/xornal-inicia-xoves-nova-etapa-internet-unico-soporte/2011080220220800625.html

Xornal de Galicia inicia o xoves 4 de agosto unha nova etapa na que centrará o seu esforzo informativo e comercial na súa edición dixital, Xornal.com, coa fin de destinar mellor os seus recursos técnicos e o seu gran capital humano. A empresa acordou iniciar unha nova etapa pechando a súa edición en papel coa fin de potenciar a información na web mantendo a súa aposta por reforzar os valores asociados á liberdade de expresión e de pensamento, dende a máis absoluta independencia.

Xornal.com, que cumprirá o vindeiro mes de novembro 13 anos na rede, manterá o seu compromiso con Galicia e a súa liña editorial como periódico progresista e galeguista, a mesma coa que naceu como primeiro diario dixital da comunidade e que transmitiu na súa saída como medio impreso en decembro de 2008. A crise específica que atravesan os medios de comunicación, a crise económica global e a falta de apoios institucionais obrigaron a Xornal de Galicia a adoptar esta decisión, necesaria para continuar ofrecendo aos seus lectores información con rigor e calidade. A edición en papel, que axudou a consolidar Xornal como un diario referente na esquerda galega, dá paso a unha nova etapa co obxectivo de seguir gañando lectores e influencia.

Dende a saída de Xornal de Galicia aos quioscos, Xornal.com mellorou a súa posición e consolidouse como o cuarto periódico dixital de información xeral en Galicia. Ademais, incrementou a súa audiencia en internet logrando situarse por primeira vez entre as 1.000 páxinas máis visitadas de España a finais de 2010. Esta posición mantívose de maneira continuada neste ano 2011, de maneira que na actualidade se sitúa no posto 858 do ranking estatal elaborado pola auditora Alexa. Nos seis primeiros meses de 2011 Xornal.com aumentou un 18% as súas visitas, ademais de medrar un 16% os seus usuarios únicos, segundo Google Analytics. Xornal de Galicia agradece todo o apoio decidido dos seus lectores e subscritores e o firme compromiso dos seus numerosos colaboradores.

O Colexio de Xornalistas lamenta o peche da edición en papel de Xornal de Galicia

A Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) lamentou o peche da edición en papel de Xornal de Galicia, anunciada pola dirección da empresa aos traballadores, "polo que suporá de perda de postos de traballo e porque restrinxe a pluralidade da información que reciben os galegos".

"Como xa ten reiterado en anteriores ocasións o Colexio, o peche dun medio de comunicación é unha mala nova para a profesión xornalística e para a sociedade, por canto perde en pluralidade informativa, fundamental para conformar unha poboación crítica. No caso concreto de Xornal de Galicia, pérdese un medio de comunicación que, desde a súa saída o 9 de decembro de 2008, fixera unha aposta decidida pola normalización do uso da lingua galega", sinala o comunicado do CPXG.

A Xunta de Goberno confía "en que a dirección de Xornal de Galicia cumpra a promesa feita aos seus traballadores de potenciar a edición web do diario, activa desde 1999. Esa potenciación en ningún caso pode apoiarse en despidos, como xa ten asumido a empresa que sucederá, porque unha reducción da plantilla non faría senón lastrar este proxecto".

"A fin da edición en papel de Xornal de Galicia incide nunha senda perigosa para a información en Galicia que, con este peche e os anteriores de Vieiros, A Nosa Terra ou A Peneira, perde lentamente o espazo comunicativo propio que tanto custou construír", remata o Colexio de Xornalistas.

Esquerda Unida de A Coruña cree que o peche da edición en papel de Xornal de Galicia supón unha merma da pluralidade xornalística

O Colexio de Xornalistas de Galicia informaba onte de que Xornal de Galicia aparecería nos kioscos por última vez este xoves. A dirección da empresa argumentou razóns económicas, vinculadas á caída dos ingresos por publicidade e na falta de apoio institucional.

Esquerda Unida considera que o peche da edición en papel de Xornal de Galicia supón unha perda da pluralidade periodística, e lamenta así a perda dun xornal caracterizado pola súa profesionalidade, independencia, pluralidade e bo facer periodístico.

O consello comarcal de EU Coruña saliéntea o compromiso do xornal coa normalización do uso da lingua galega.

Por outra banda, o Grupo Municipal de EU-V solidarizase cos traballadores e traballadores do Xornal de Galicia enviándolles unha mensaxe de ánimo nestes difíciles momentos. O peche dun xornal galego emblemático e a posíbel perda de postos de traballo, debería ser motivo de reflexión da clase política de cara a centrar os esforzos no verdadeiro problema: o paro.
R.