Skip to main content

Diez nuevos proyectos audiovisuales reciben 150.000 euros de financiación para su producción

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria resolveu a convocatoria de subvencións 2013 para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais en lingua galega, a través da que financiará cun total de 150.000 euros a posta en marcha de seis novas longametraxes de ficción, tres documentais e unha película de televisión a cargo de 10 empresas galegas.

Trátase dos proxectos presentados por Xamalú Filmes, Vaca Films, Matriuska Producciones, Dos Treinta y Cinco PC, Maruxiña Film Company, Zircozine, Socialdocs, Esferobite, Bambú Producciones e Zenit Televisión que optaron a esta liña de axudas convocadas pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) no pasado mes de setembro.

As cantidades adxudicadas, que se librarán con cargo aos orzamentos de 2013 e 2014, están dirixidas ao financiamento de operacións necesarias previas á preprodución, tales como a adquisición de dereitos, os traballos de investigación, a escrita e análise de guións, a selección dos equipos técnicos e artísticos, a procura de socios, ou a realización de teasers ou capítulos piloto, entre outras cuestións.

Estas axudas forman parte dun completo plan para o fomento do audiovisual galego por parte da Consellería, que apoia firmemente o labor deste sector coa finalidade principal de estimular o seu crecemento en Galicia e a súa potencialidade artística, así como de facer os seus produtos máis fortes e competitivos nos mercados internacionais. Neste sentido, a adxudicación súmase ás convocatorias de subvencións á produción e coprodución audiovisual de longametraxes en lingua galega (actualmente en trámite de resolución), á que se destinan 1.100.000 euros, e á da promoción do talento audiovisual (recuperada este ano e xa resolta), dotada con 66.000 euros.

Os títulos das longametraxes subvencionadas son ‘Migas de pan’, de Xamalú, que recibirá 18.914,81 euros; ‘Cen anos de perdón’, de Vaca Films, adxudicataria de 17.551,58 euros; ‘A estación violenta’, de Matriuska, á que se outorgaron 15.643,06 euros; ‘El secreto de Santa Marta de Camariñas’, que recibirá 17.040,37 euros; ‘Islandia’, de Maruxiña, 13.884,38 euros e ‘Estación Libertad’, de Zircozine, que contará con 16.017,94 euros para iniciar o seu proxecto.

Tamén figuran como beneficiarios os documentais das compañías Socialdocs ‘Valente: os camiños da poesía’ con 11.821,75 euros; de Esferobite ‘Versogramas’ con 3.694,16 euros e de Bambú Producciones ‘El gourmet desaparecido’, con 16.517,15 euros. Na mesma resolución resultou adxudicataria a ‘TV-movie’ titulada ‘Juana de Vega e a alumna da liberdade’, de Zenit Televisión, con 18.914,80 euros.

Todos os beneficiarios son persoas físicas ou xurídicas constituídas como produtoras audiovisuais independentes, con sucursal ou oficina permanente en Galicia polo menos dun ano con carácter previo á convocatoria. A resolución rexeuse polo sistema de concorrencia competitiva, no que se aplicaron taxativamente os criterios e baremos expresados nas bases correspondentes.
R.