Skip to main content

Ponte nas Ondas! celebra su 20º aniversario con la XX Jornada Multimedia de Comunicación

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, participou na presentación da XX Xornada Multimedia de Comunicación ‘Ponte... nas Ondas!’, coa que se conmemora o aniversario deste programa que une a alumnado e profesorado de Galicia e Portugal e que está apoiado polo departamento educativo da Xunta de Galicia. Na rolda de prensa, celebrada na Cidade da Cultura de Galicia, participaron ademais o presidente da Asociación Ponte nas Ondas, Santiago Veloso; e mais o reitor da Universidade de Vigo – entidade que colabora no proxecto-, Salustiano Mato.

O conselleiro salientou o traballo da Asociación Cultural e Pedagóxica representada por Veloso nunha tarefa de tanta importancia como é a de “construír a Eurorrexión desde a base social”, e salientou o acerto de facelo “centrándose nos máis novos, no xerme do futuro”. “Desde hai 20 anos centos de nenas e nenos, profesores e mesmo alumnos das universidades dos dous paíse teñen traballado xuntos en diferentes iniciativas que lles permitiron descubrir que, detrás das diferenzas superficiais, hai un fondo común na nosa lingua e cultura que supón unha gran oportunidade para medrarmos xuntos”, dixo. Neste sentido lembrou que Cultura e Educación traballa nesta mesma liña impulsando o primeiro circuíto de intercambio teatral entre Portugal e Galicia, ‘Troco x Troco’, e apoiando iniciativas como ‘Ponte na Escena’, presentado hai unhas semanas en Gondomar.

Así mesmo, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia salientou o labor do proxecto no uso das novas tecnoloxías (TIC) e dos medios de comunicación nas aulas e na difusión dos traballos realizados por internet. “Os nosos máis sinceros parabéns por desenvolver con éxito esa difícil tarefa de introducir nos centros educativos ferramentar alleas ás metodoloxías habituais, que abren novas vías para a aprendizaxe, tanto do alumnado como do propio profesorado, e que enriquecen notablemente a experiencia educativa”, dixp.

Xesús Vázquez Abad quixo salientar a implicación do profesorado participante ao longo destes 20 anos en ‘Ponte... nas Ondas!’. “Traballo colectivo, respecto á cultura tradicional, entendemento entre pobos... son valores transversais que o profesorado transmite día a día ás alumnas e alumnos a través deste e outros proxectos, desempeñando un papel que toda a sociedade debe agradecer”, sinalou. Da mesma forma, agradeceu o apoio de todas as entidades e institucións que teñen colaborado an tracectoria deste proxecto, entendo a educación como unha tarefa de toda a sociedade.

Premios Boas Ondas

‘Ponte... nas Ondas!’ comezou a súa andaina en 1994, co fin de servir como ponte de comunicación entre Galicia e Portugal ás beiras do miño. A través fundamentalmente de iniciativas interescolares de radio e a través da internet, tanto a ambos os lados da fronteira como con outros países de Latinoamérica.

Co gallo da vixésima edición do proxecto este ano premiarase por primeira vez o esforzo realizado por alumnos e docentes na preparación dos programas a través da creación dos premios Boas Ondas en 6 categorías, para o mellor programa radiofónico gravado, en directo, en colaboración cunha emisora profesional, en vídeo, sobre algunha expresión do Patrimonio Inmaterial Galego-Portugués ou realizado fóra da Eurorrexión Galiza-Norte de Portugal.

A XX Xornada Multimedia de Comunicación centrarase, un ano máis, na radio en directo desde diferentes emisoras de Galicia e do Norte de Portugal, unha programación que poderá seguirse en directo na súa totalidade a través de Internet desde a web www.pontenasondas.org, e que estará coordinada por UVIGO-TV. Durante a xornada está previsto emitir,a demais, mensaxes e textos na voz de escritores galegos e da lusofonía, así como interpretacións de músicos e artistas.
R.