Skip to main content

TVG, Academia Galega do Audiovisual y Xunta estrenan el documental A busca da mirada: 25 anos de cine galego

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Cidade da Cultura de Galicia acolle o mércores día 28 a estrea do documental titulado ‘A busca da mirada. 25 anos despois’, froito da colaboración entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Televisión de Galicia (TVG) e a Academia Galega do Audiovisual (AGA) como parte das accións promovidas conxuntamente para conmemorar o vixésimo aniversario do cinema galego, efeméride que se vén celebrando desde finais do pasado ano 2014, cando se cumpriu o vixésimo quinto aniversario da estrea comercial das tres primeiras longametraxes galegas de ficción: ‘Continental’, ‘Urxa’ e ‘Sempre Xonxa’.

O Salón 1 do edificio CINC (Centro de Innovación Cultural) recibirá para a ocasión a partir das 18:00 horas unha representación dos protagonistas destes últimos 25 anos de traxectoria cinematográfica en Galicia, moitos deles presentes no documental, ademais de integrantes do sector audiovisual galego na actualidade. A proxección terá lugar a poucos metros do Museo Centro Gaiás, que acolle ata o 8 de febreiro a exposición ‘Cinegalicia25’, dedicada tamén a lembrar este aniversario

Dirixido por Teo Manuel Abad, ‘A busca da mirada. 25 anos despois’ está realizado pola AGA, co apoio de TVG e da Consellería a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), co obxectivo de ofrecer unha visión da creación cinematográfica galega desde os seus comezos ata hoxe.

O fío condutor da obra é unha conversa entre tres dos representantes máis destacados de cada unha das tres películas homenaxeadas: Xavier Villaverde como director de ‘Continental’, Carlos Piñeiro como codirector de ‘Urxa’ e Uxía Blanco como actriz protagonista de ‘Sempre Xonxa’.

Aparecen no documental os principais instantes resultado deste coloquio, conducido pola actriz Lucía Regueiro e gravado o pasado mes de outubro na Facultade de Ciencias da Información de Santiago de Compostela coa asistencia dun grupo de alumnos de Xornalismo. Rememóranse así anécdotas, sentimentos e impresións daqueles momentos fundacionais, relativos tanto á rodaxe dos tres filmes como aos días das súas respectivas estreas no marco do evento ‘Cinegalicia’ que acollera o Cine Fraga de Vigo en novembro de 1989.

Ademais, a través dun contexto temporal marcado pola mención de distintos fitos históricos (desde a caída do Muro de Berlín ata a toma de posesión como presidente dos Estados Unidos de Barack Obama), estas declaracións aparecen intercaladas por fragmentos de secuencias dunha vintena de películas producidas en Galicia neste anos, así como polas intervencións de creadores, intérpretes e figuras do audiovisual galego que falan do pasado, do presente e do futuro do sector.

Nota de prensa da Academia Galega do Audiovisual:



Con motivo da exposición “25 Anos de Cine Galego” o vindeiro mércores, 28 de xaneiro ás 18h estréase na Cidade da Cultura o documental “A busca da mirada. 25 ano de cine galego” no que colaboran a Academia, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a TVG.

“A busca da mirada. 25 anos de cine galego” conmemora os 25 anos de produción cinematográfica en Galicia. Para a realización do mesmo tomouse como punto de partida a narración, os comentarios e as opinións de Xavier Villaverde como director de Continental, Carlos Piñeiro como director de Urxa e Uxía Blanco como actriz protagonista de Sempre Xonxa. Contouse ademais coa participación de moitos profesionais do eido audiovisual e cultural galego (actores e actrices, escritores, músicos, directores, historiadores…), que deron a súa opinión da evolución da industria audiovisual galega.

O equipo que levou a cabo o proxecto está formado por Manolo Abad na dirección, Ángel de la Cruz no Guión, Antonio Mourelos na produción executiva e María Liaño na dirección de produción.

Fotografía: Academia Galega do Audiovisual
R.