El PPdeG aprueba con su mayoría parlamentaria el mandato marco de la CRTVG

O Parlamento de Galicia aprobou o Mandato Marco da Corporación de Radio Televisión de Galicia, o instrumento de orientación estratéxica para desenvolver o servizo público audiovisual de Galicia, adaptándoo aos cambios tecnolóxicos, económicos e usos sociais que impoñen a evolución da sociedade da información e do coñecemento, as políticas audiovisuais europeas e nacionais e as directivas comunitarias de servizos audiovisuais e a Axenda Dixital 2020.
O portavoz do Grupo Popular para asuntos relacionados coa CRTVG, Agustín Baamonde, lamentou que os grupos da oposición rexeitaran apoiar este Mandato Marco “sen presentar proxecto alternativo de televisión e coa única escusa de que non tiveron tempo para elaborala cando veñen esixindo toda esta lexislatura a necesidade de desenvolver a Lei de medios de comunicación públicos de Galicia”.
O Mandato Marco aprobado polo Pleno do Parlamento terá unha vixencia de nove anos. Transcorrido ese prazo, no caso de non aprobarse un novo mandato ao termo da súa vixencia, considerarase prorrogado ata dita aprobación. Porén, ao longo da súa vixencia, poderá ser revisado se así o decide o Parlamento de Galicia á luz de cambios no modelo de financiamento, na tecnoloxía ou como consecuencia de alteración substancial dos ámbitos de produción.
A través deste Mandato Marco, o Parlamento de Galicia desenvolverá as funcións de control da Corporación RTVG mediante o nomeamento dos membros do Consello de Administración; o nomeamento e, se é o caso, revogación do seu director; o coñecemento do informe anual sobre a execución e resultado do contrato programa, que fixará cada tres anos os obxectivos específicos a desenvolver pola corporación e o seu financiamento; e o control da xestión e do cumprimento da función de servizo público a través da Comisión Permanente non lexislativa de Control da Corporación RTVG.
Entre os obxectivos xerais de servizo público da Corporación RTVG figura a produción, edición e difusión dun conxunto de canles de radio, de televisión e de servizos de información en liña con programacións diversas e equilibradas para todo tipo de público, así como a promoción e dinamización da lingua galega, o reforzamento da identidade de Galicia, a promoción da cultura galega e o impulso da súa industria audiovisual. Ademais, contribuirá ao desenvolvemento da Sociedade da Información, fomentará o pluralismo, o debate democrático, o espírito crítico e a participación dos cidadáns no desenvolvemento político, social, económico e cultural de Galicia.
Ademais, a Corporación da RTVG rexerase polos principios de obxectividade e imparcialidade; veracidade; neutralidade informativa e independencia; liberdade de expresión e pluralismo; e pluralidade e diversidade política. Outorgará prioridade á información, que constituirá o eixe fundamental da súa oferta, ao tempo que se fixa como mínimo o obxectivo do 50 por cento de produción propia interna.
Respecto do financiamento da Corporación de RTVG, o Mandato Marco establece que será un sistema mixto, mediante a percepción das compensacións polo cumprimento da misión de servizo público e os ingresos e rendemento das súas actividades e da participación no mercado da publicidade.
Sobre o persoal, a Corporación adoptará as medidas necesarias para que o acceso ao desempeño das prazas do seu cadro de persoal se realice exclusivamente a través de procedementos que garantan o cumprimento dos principios de igualdade, mérito e capacidade.
R.