Notas
-
Polos camiños das horas, que recolle a correspondencia entre Ramón Otero Pedrayo e Ricardo Carvalho Calero (as 167 cartas que intercambiaron entre 1949 e 1974), é unha iniciativa da Real Academia Galega (RAG) no marco das homenaxes que se lle renden a Ricardo Carvalho Calero con motivo do Día das Letras Galegas 2020, e que conta co apoio da Xunta así como do Parlamento de Galicia.
-
As exposicións de Manuel Vilariño e Celeste Garrido prorróganse ata o 4 de abril no MARCO. Os espazos do primeiro andar continúan abertos e o público poderá seguir visitando as mostras en calquera das súas modalidades: individualmente, participando nas visitas guiadas —actualmente limitadas a grupos de 5 persoas— ou mediante o novo sistema de rutas interactivas.
-
A compañía viguesa Feira do Leste vén de publicar as bases da terceira edición do Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual. Un proxecto que procura dar maior visibilidade aos novos dramaturgos galegos a través da edición e publicación da obra nun volume con obras doutros autores galegos que están a destacar actualmente polo emprego de novas linguaxes e temáticas.
-
A Rede de Dinamización Lingüística (RDL) desenvolveu ao longo do ano 2020 un importante labor na visibilización e extensión do uso da lingua galega que se materializa en máis de 400 accións de promoción do uso social de idioma desenvoltas nas súas entidades, cun importante investimento que ascendeu a máis de 900.000 €, gran parte deles xestionados desde o Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021.
-
A exposición 'Don Ricardo de Fingoi' foi clausurada na Casa Museo de Álvaro Cunqueiro, de Mondoñedo, coa asistencia do delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz; a deputada autonómica Elena Candia, e o alcalde do Concello de Mondoñedo, Manuel Otero, así como de outros membros da corporación. No acto participaron os netos do homenaxeado, Faustino e Margarita Cela Carballo-Calero, acompañados das súas familias.
-
A Fundación Antonio Fraguas e o Museo do Pobo Galego dan ao prelo a obra 'Os animais de Fraguas', texto do polígrafo cotobadés ata o de agora inédito, sobre crenzas populares arredor dos animais. O secretario xeral de Política Lingüística e o presidente da fundación, Xusto Beramendi, presentárona acompañados por Miguelanxo Prado (ilustrador), Kiko da Silva (director artístico) e Fuco Sangiao (coordinador editorial).
-
O persoal docente e investigador e o alumnado de doutoramento da USC poderán escribir na plataforma divulgativa ‘The Conversation’ España (TCES) sobre asuntos relacionados co seu campo de especialización. O acordo selado entre ambas as dúas institucións permitirá o acceso á principal canle mundial de difusión do coñecemento que emana das universidades.
-
Segundo recolle o estudo de Anabel Antela 'A lingua galega no sector textil. Visión, opinión e posición da xeración millenial galega', publicada pola Mesa pola Normalización Lingüística co apoio da Deputación de Pontevedra, o 60,3% da xente nova afirma que o feito de que un produto estea anunciado en galego a induce á compra.
-
Presentouse no Salón de Ámbito Cultural de El Corte Inglés de Santiago o libro gañador do premio Illa Nova de Narrativa 2020. Abriu o acto Pati Blanco, director de márketing e comunicación de El Corte Inglés, explicando que para El Corte Inglés este patrocinio supón reafirmase nunha aposta pola narrativa galega nova, a través da Editorial Galaxia, que permite sacar á superficie a calidade desta nova xeración de creadores galegos.
-
O último número de 'Sarmiento' xa está dispoñible on-line baixo o título Internacionalismo e pacifismo na historia da educación contemporánea. Este volume 24 da publicación, editada anualmente polas tres universidades galegas e varias homólogas lusas, está coordinado por Xosé Manuel Cid, da Universidade de Vigo, e Joaquim Pintassilgo, do Instituto de Educación da Universidade de Lisboa.