Notas
-
A Mesa pola Normalización Lingüística e o Grupo de Normalización do estudantado de Medicina presentáronlle a campaña Falar galego é saudábel ao Presidente do Parlamento, Miguel Santalices, como representante da primeira institución de Galiza, médico de profesión e persoa comprometida coa saúde en galego. A campaña Falar galego é saudábel xurde co obxectivo de que a lingua galega se desenvolva con normalidade como lingua de relación entre persoal e doentes.
-
A localidade onde se fala unha variante do galego máis parecida ao estándar é o concello de A Lama (Pontevedra), cun 82,09% de semellanza. Pola contra, as maiores diferencias atopáronse na localidade leonesa de Pombriego, na que a variedade falada só se asemella nun 34,29% ao galego normativo. Así o amosa un estudo que vén de publicar Xulio Sousa, do departamento de Filoloxía Galega e membro do Instituto da Lingua Galega (ILG) da USC, na revista Languages.
-
O Concello de Padrón outorga o XIX Premio de Interpretación Maruxa Villanueva ao actor Miguel de Lira. O xurado tomou esta decisión por unanimidade, tras ter analizado as propostas de todos e todas as candidatas presentadas a esta edición do galardón de arte dramático. Os membros deste comité valoraron a súa interpretación en ‘Curva España’, na que, baixo a súa perspectiva, fixo unha importante posta en valor da oralidade en lingua galega.
-
O IES David Buján de Cambre inaugura a quinta edición de ‘Xornalismo na Escola “la Caixa”’, a iniciativa do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e a Obra Social ‘la Caixa’ para impartir obradoiros de xornalismo entre os escolares de 3º e 4º da ESO nos institutos de educación secundaria de Galicia. O centro de ensino cambrés acollerá tres talleres, o primeiro deles o luns 3 e os dous restantes o venres 7.
-
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol abren a convocatoria da décimo sexta edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. O premio, que leva o nome do cámara ferrolán asasinado en Bagdad no 2003, ten o obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
-
Expoñeranse 97 fotografías xunto con 49 documentos orixinais dos fondos de Educación e do Goberno Civil. A maioría das fotografías foron tomadas por José Luís Vega e abranguen cronoloxicamente o período 1942-1997 e están agrupadas en sete seccións: “Tempo de saúde”, “Tempo de familia”, “Tempo de aprender”, “Tempo de lecer”, “Tempo de festa”, “Tempo de deporte”, e “Tempo de traballo”. Con esta compilación, o Arquivo trata de reflectir todos os aspectos da vida pública e privada da infancia.
-
O concurso levado a cabo no marco da Bienal Internacional de Cartelismo Terras Gauda - Francisco Mantecón para deseñar a imaxe das Xornadas de Portas Abertas das Rutas do Viño que impulsan a Xunta de Galicia e as Rutas do Viño xa ten gañadores.Jesús Barbeito e Álvaro Ortiz son os vencedores entre un total de 61 propostas de 36 deseñadores de 17 países tan diversos como Indonesia, Estados Unidos, Francia, Brasil, Bulgaria, Polonia e Rusia, así como de diferentes puntos de España.
-
A Asociación Cultural Cultura do País presenta, xunto con Através Editora e a librería Trama, a “Antología de poesía de Carvalho Calero”, coa presenza do editor Paulo Fernández Mirás e da escritora lucense Carmen Blanco, responsábel do prólogo. O acto terá lugar o vindeiro sábado 1 de febrero as 12.30 horas na librería Trama, e consistirá nunha conversa con ambos escritores ao redor da figura a quen se lle dedica o vindeiro dia das Letras Galegas, o escritor Carvalho Calero.
-
O II Certame de Nova Dramaturxia Galega Actual concede o seu premio ao escritor e docente Fernando Castro Paredes coa obra Ofelia ou o cabeiro da cóbrega. O xurado, conformado pola directora teatral e programadora da sala Ingrávida Irene Moreira; a dramaturga e directora da Erregueté, Vanesa Sotelo e o director teatral César No; salienta “o coidado uso da lingua galega e o artellamento dunha sólida carpintaría dramatúrxica neste novo achegamento ao mito de Hamlet desde a personaxe de Ofelia”.
-
A escritora Carmen Blanco, profesora de Literatura Galega na Facultade de Humanidades da USC, vén de publicar a súa obra Letras lilas no número 24 de Unión libre. Cadernos de vida e culturas. Letras lilas reúne numerosos ensaios sobre escritoras galegas, como Rosalía de Castro, Pura e Dora Vázquez, María Mariño, Luz Pozo Garza ou Xohana Torres, ás veces en relación con outros escritores, como Juan de la Cruz, Virginia Woolf, Ricardo Carballo Calero, Eugenio Granell ou José Ángel Valente.