Noticias
-
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da web audiovisual coa que se dan a coñecer varios itinerarios a través de máis dun cento de vídeo-historias cos relatos sobre as experiencias dos peregrinos. Esta web audiovisual é unha das iniciativas beneficiarias da primeira edición do programa O Teu Xacobeo e conta cunha axuda de 20.000 euros.
-
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, anunciou que a Xunta de Galicia se marca o obxectivo de ser unha administración neutra en carbono no ano 2040, reducindo as emisións de gases de efecto invernadoiro en todos os seus ámbitos. Ángeles Vázquez presentou 'un novo reto' da Estratexia galega de cambio climático e enerxía de 2050: a folla de ruta elaborada polo Goberno galego e coa que a Comunidade se converteu nunha das primeiras rexións europeas en establecer por escrito este compromiso de neutralidade climática.
-
As miradas de Isaac foi a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as aportacións á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.
-
Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York Amarga, comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e polo catedrático de Historia da Literatura Española da Universidad de Barcelona, Adolfo Sotelo, busca reconstruír a historia do libro inconcluso Nueva York Amarga, que Cela iniciou co obxectivo de retratar a cidade norteamericana en base ás fotografías realizadas por Carles Fontserè (Barcelona, 1916 - Girona, 2007) e ás cartas que ambos intercambiaron, así como os documentos, informacións e reflexións do catalán sobre a cidade.
-
Un Museo Centro Gaiás convertido en contorna virtual en 360º acolle a Maker Faire Galicia, que repite este ano cun formato enteiramente en liña no que argalleiros de sete países diferentes –España, A Arxentina, O Xapón, México, EE.UU., Portugal e O Brasil– presentarán os seus proxectos. Despois do éxito da pasada edición, na que se convertía nunha das primeiras Maker Faire do mundo en dar o salto dixital, o evento volve apostar por un formato totalmente de balde, 100% virtual, e máis global ca nunca, con preto de 4.000 inscritos, cifras que cuadriplican as da última edición.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e o Museo das Peregrinacións e de Santiago serán algunhas das sedes do Festival Performativo Plataforma 2021 que arrinca este mércores en Santiago de Compostela e que ofrecerá preto dunha trintena de propostas culturais ata o 5 de xuño. Trátase dunha iniciativa que conta co apoio da Xunta de Galicia, en cuxa presentación participou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo. Ao longo de dúas semanas, daranse cita preto dunha trintena de propostas culturais, que comezarán mañá no Museo das Peregrinacións e de Santiago coas conversas organizadas cos creadores Verónica Moar e Álvaro Valiño sobre deseño performativo.
-
A Filmoteca de Galicia acollerá catro exhibicións da (S8) XII Mostra Internacional de Cinema Periférico, presentada hoxe na Coruña nun acto no que participou o director da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) da Xunta, Jacobo Sutil. As sesións previstas na sala José Sellier achéganse ao traballo da cineasta alemá Déborah S. Philips e dos españois José Val del Omar e Juan Sebastián Bollaín, e inclúen unha conferencia ilustrada co director franés Jean Rousseau. O evento, organizado pola ESE8 Asociación Cultural e que vén contando nos últimos anos co apoio da Xunta de Galicia para a súa celebración, desenvólvese do 28 de maio ao 6 de xuño en distintas sedes da cidade da Coruña.
-
Desde o inicio da pandemia da COVID-19 en España son moitas as plataformas que veñen recollendo as cifras sobre a súa incidencia, non obstante case todas elas se quedan nunha análise superficial. Co obxectivo de poñer remedio a isto, a plataforma que propoñen desde o centro de investigación atlanTTic vai un paso máis aló. Panel Covid recompila todos os datos e informes publicados por fontes oficiais como son o Ministerio de Sanidade, a Renave (Red Nacional de Vigilancia Epidemiológica) e o INE (Instituto Nacional de Estadística) sobre a evolución da pandemia desde o seu inicio, co obxectivo de poder analizalos polo miúdo e amosalos de maneira sinxela e clara a calquera usuario.
-
Esta obra forma parte do proxecto do mesmo nome, promovido polo Colectivo Egeria, co patrocinio da Xunta de Galicia, e a colaboración da Real Academia Galega e o Concello de Sarria. Este proxecto está composto por unha web, unha exposición itinerante que a finais deste mes terá visitado 42 cidades e poboacións de Galicia, e un catálogo que recolle os contidos da exposición.
-
Xulio Ríos, director do Observatorio de la Política China, vén de publicar na editorial Kalandraka un novo volume relativo ao xigante asiático con motivo do centenario da fundación do Partido Comunista (PCCh). Ao longo das súas case 500 páxinas, abórdanse os diferentes períodos históricos que marcan a evolución do comunismo na China, xirando arredor das seguintes oito teses centrais: Primeira, os cen anos do PCCh (1921-2021) trazan unha liña de clara continuidade que abunda na transcendencia do ideal nacional como factor mobilizador principal na súa constitución e desenvolvemento, resolvendo moi inicialmente a súa relación paralela e controvertida co internacionalismo de matriz soviética.