Noticias
-
Foi inaugurada na Biblioteca de Galicia unha exposición no marco da conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. A Xunta de Galicia vén impulsando durante este ano esta efeméride con diversos actos, congresos, actividades de formación ou mostras como a que está aberta no Gaiás ata xaneiro de 2022. 'Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán', comisariada por Charo Crespo, pretende amosar a obra máis significativa da intelectual coruñesa e dar a coñecer algúns dos espazos nos que viviu e escribiu grazas aos fondos bibliográficos da Cidade da Cultura e ás copias dixitais de manuscritos e fotografías do Arquivo da RAG.
-
Dicionario da nova literatura galega comezou a fraguarse a finais da década dos anos 60 do século pasado a través dunha enquisa que o profesor Xesús Alonso Montero distribuíu entre persoas do mundo literario galego que non tivesen obra publicada antes de 1936. En total, 86 persoas responderon aquelas preguntas ideadas por Alonso Montero que permiten coñecer multitude de datos biográficos e, ao tempo, deseñan as preocupacións e expectativas dun tempo moi concreto da nosa historia literaria e cultural. Este singular dicionario posibilita preguntarse que cambiou na cultura galega nestes últimos 50 anos e engade, ademais, unha rica e valiosa documentación bibliográfica e epistolar, alén doutros documentos de interese para reconstruír percorridos biográficos e literarios concretos.
-
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Cidade da Cultura unha xornada técnica que, baixo o título Panorama actual das bibliotecas autonómicas, reúne no Gaiás durante dous días a representantes da Biblioteca Nacional de España e do Ministerio de Cultura e Deporte, ademais de responsables dos sistemas centrais de institucións bibliotecarias a nivel territorial de 16 comunidades e de Ceuta. Trátase dun encontro que se celebra por primeira vez en Galicia e no que se analiza o futuro destes centros.
-
Galicia conmemorará en 2022 o Ano Laxeiro cunha extensa programación que afondará no percorrido vital e profesional do artista a través de propostas expositivas, académicas, audiovisuais e didácticas en distintos puntos de Galicia, así como en Madrid e París, e que terán como acto central o 1 de abril o Día das Artes Galegas na súa honra e unha gran exposición itinerante sobre a súa obra de madurez. Así o explicou hoxe o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, no acto de presentación da programación especial, xunto ao alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo.
-
O programa Xuventude Crea da Xunta de Galicia premiou o talento musical das mozas e mozos finalistas da categoría de música. A ourensá Alicia Otero foi o primeiro clasificado coa súa peza O retrato e Saliva y alquitrán. A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, foi a encargada de entregar os premios aos gañadores durante a final, que tivo lugar onte no Playa Club da Coruña. O primeiro premio recibirá unha gratificación económica de 3000 euros; 1500 euros o segundo; e 1000 euros os terceiros clasificados. Nesta especialidade de Xuventude Crea presentáronse un total de 19 solicitudes nas que están involucrados 36 mozas e mozos entre grupos e solistas. Finalmente, foron tres grupos e tres solistas os que chegaron á última fase.
-
A colección Biblioteca Neira Vilas, inaugurada pola Editorial Galaxia en 2010 en homenaxe ao autor galego polo 50 aniversario da súa obra por excelencia, Memorias dun neno labrego, incorpora agora dous títulos máis: Camiño bretemoso e Remuíño de sombras. O primeiro deles foi publicado por primeira vez en 1967 e xira entorno a un tema que Neira Vilas coñeceu de primeira man e que converteu nun aspecto clave da súa obra, a emigración. Nesta novela, un vello emigrante vai facendo reconto do seu traxecto vital perante un interlocutor que non intervén mais serve para darlle ao monólogo vivacidade e dramatismo. Remuíño de sombras presenta, pola súa parte, a imaxe colectiva da comunidade galega en Bos Aires. O de Gres ofrece nesta novela a historia da emigración no seu conxunto.
-
A Estratexia Loxística das Infraestruturas de Galicia 2021-2028 busca, precisamente, definir as actuacións necesarias para aproveitar ao máximo a incorporación ao Corredor Atlántico, incrementando área de influencia dos Portos da Comunidade mediante o fomento da multimodalidade do transporte de mercadorías asociado a eles. Ethel Vázquez sinalou como meta deste proxecto impulsar o transporte de mercadorías entre Galicia e o resto de España, Portugal e o conxunto da UE, para conseguir transportar 3 millóns de toneladas máis cada ano por ferrocarril, sendo así máis competitivos e evitando, dese xeito, a emisión de 150.000 toneladas de CO2 cada ano.
-
Galicia crece en todos os indicadores de uso das TIC e reduce a distancia coa media estatal. Destaca especialmente o crecemento de uso e contratación entre os colectivos de persoas de máis idade e nos municipios de menos habitantes. Segundo os datos publicados hoxe polo INE sobre o equipamento e uso das TIC nos fogares en 2021, o 90,2% dos galegos usa internet, rexistrando a menor diferencia coa media estatal do rexistro histórico. Por idades o 100% dos galegos de 16 a 34 anos empregan internet, por riba da media estatal, e o crecemento máis importante rexistrouse no tramo de idade de 65 a 75 anos cun 21% fronte ao 5,2% de crecemento estatal.
-
A Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo colaboran un ano máis na organización de AuGAL, Master Class do Audiovisual Galego, que celebra a partir do 15 de novembro a súa 11ª edición e recupera o formato orixinal de encontros con recoñecidos profesionais do sector arredor da proxección das súas obras. O programa, para o que acaba de abrirse o prazo de matrícula, desenvolverase arredor de seis sesións que terán lugar ata mediados de decembro na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación de Pontevedra. As actividades para o curso lectivo 2021-2022 foron presentadas este mediodía na Casa das Campás da capital do Lérez.
-
O Servizo Galego de Saúde vén de situar a Galicia como unha das oito comunidades autónomas que notificaron ao Rexistro Estatal de Enfermidades Raras casos pertencentes a algunha das 22 patoloxías priorizadas polo Ministerio de Sanidade. O traballo dos profesionais sanitarios galegos e a utilización das novas ferramentas tecnolóxicas, permitiron ao Sergas aportar casos de todas as enfermidades obxecto de rexistro neste primeiro informe nacional. Entre os anos 2010 e 2018, que abrangue o informe, a comunidade galega notificou 1.299 casos pertencentes a estas enfermidades.