Skip to main content

Noticias

  • New Medical Economics, revista especializada no sector sanitario, vén de distinguir a Galicia como a Comunidade Autónoma con actividade sanitaria máis innovadora, logo de reconto de votos dos lectores e do Consello Editorial. Galicia destacou este ano no uso das tecnoloxías da información aplicadas a todo o proceso de vixilancia, vacinación e atención sanitaria á covid, na implantación de procesos de teleasistencia e abrindo novas canles de atención sanitaria á cidadanía a través da app SergasMobil (videoconferencia, tarxeta sanitaria virtual ou o acceso aos certificados europeos de vacinación).
  • O Museo do Pobo Galego acollerá desde o venres ata o domingo a primeira edición de Soa Bonaval, un novo festival con concertos, conversas e itinerarios sonoros polas salas do museo que conta co apoio da Xunta de Galicia. O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou hoxe na presentación da iniciativa que se enmarca na colaboración que o Goberno galego ten co museo. “É, ademais, unha nova proposta cultural que se suma as máis de 2.500 iniciativas que apoiamos este outono para impulsar aos creadores galegos e animar a participar da reactivación da cultura despois duns meses complicados”, expresou.
  • A transformación dixital está a mudar a configuración do persoal do tecido produtivo galego. Este ano un 13,6% das empresas galegas de 10 ou máis empregados conta con perfís TIC entre os seus traballadores e un 9% contratou ou tentou contratar un especialista do ámbito tecnolóxico no último ano. A pesar de que aínda son porcentaxes baixas polo carácter emerxente destas tecnoloxías, Galicia ocupa a segunda posición entre as comunidades que contratan perfís especialistas en Intelixencia Artificial e o noveno posto en Ciberseguridade. Os datos tamén reflicten o impacto da Covid-19 na adopción do teletraballo. Así o 45,3% das empresas de máis de 10 empregados afirma contar con persoal que teletraballa.
  • As bibliotecas públicas da Xunta nas cidades da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo, así como a Biblioteca de Galicia, súmanse á conmemoración do Día das escritoras, que nesta sexta edición se celebra o 18 de outubro. A efeméride impulsada pola Biblioteca Nacional de España, xunto á Federación Española de Mulleres Directivas, Executivas, Profesionais e Empresarias, e á Asociación Clásicas e Modernas ten como obxectivo a posta en valor do legado cultural das autoras literarias ao longo da historia.
  • A Xunta de Galicia estivo presente en Sevilla na primeira edición da Convención de Turespaña, un foro de encontro e reflexión de tres xornadas dirixido aos destinos turísticos españois co obxectivo de afondar na cogobernanza e onde a sustentabilidade e a dixitalización están sendo as protagonistas. O Goberno galego compartiu neste foro co resto das comunidades autónomas as boas prácticas que están a permitir a rápida recuperación do turismo no noso territorio. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a responsable de afondar no traballo da Xunta para facer de Galicia un destino máis sustentable, na liña do modelo turístico da comunidade, baseado nun turismo de tranquilo e de calidade, así como nas accións de promoción que se puxeron en marcha.
  • O libro 'Nós e o mundo, o mundo e Nós' é o resultado de diferentes iniciativas impulsadas dende a Universidade de Santiago para homenaxear a revista Nós no seu centenario. Unhas xornadas centradas no estudo das relacións de autores e temas da revista co seu contexto histórico, así como a convocatoria dirixida a estudantes deste centro para que escollesen artigos, poemas ou debuxos de diferentes autorías da revista, cos seus comentarios críticos, conforman a base desta obra da que o decano de Filoloxía Elias J. Torres Feijó, nun encontro co reitor Antonio López, destacou a importancia de 'xerar comunidade e intercambio entre docentes, persoal investigador e estudantes e divulgar coñecemento na universidade'.
  • O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián. Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.
  • Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
  • A investigación de excelencia e a transferencia de coñecemento en todas as áreas das matemáticas constitúen o eido de actuación do Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemáticas de Galicia (CITMAga) que nace como froito da suma de esforzos das tres universidades galegas. UVigo, USC e UDC únense para conformar este novo centro que aspira a converterse nun piar de excelencia científica dentro do ecosistema de innovación e investigación de Galicia, formando, atraendo e retendo talento, “para dotar á sociedade e á industria galega e española de coñecemento innovador e vantaxes competitivas e sostibles a través do acceso a capacidades científicas e tecnoloxías de primeiro nivel”, sinalan dende as tres institucións.
  • A Semana de Cine de Lugo chega á súa 43ª edición cunha carteleira que inclúe 135 títulos e actividades paralelas que se desenvolverán do 20 ao 25 de setembro. Esta 43ª edición da Semana de Cine articularase arredor de once seccións, entre elas unha de Cine Galego que inclúe 22 películas. Tamén haberá Sección Oficial, Xoias do Ano, ciclo Infantil, Cine Documental, A Outra Beira, Cine e Fotografía, As Curtas Cine Son, E para comer Lugo, Cine Nacionalidades e Homenaxes. Paralelamente, prográmanse conferencias, debates e presentacións en diferentes escenarios. Nesta edición a Semana homenaxea ao actor nado en Riotorto Luis Iglesia Besteiro.