Noticias
-
A terceira edición do programa de dinamización lingüística 21 Días co Galego e +, da Xunta de Galicia, conclúe hoxe o reto coa lingua galega ao que se sumaron hai tres semanas máis de 3000 alumnas e alumnos de educación Primaria, ESO, Bacharelato e FP con idades comprendidas entre os 8 e os 18 anos, que se comprometeron a falar só en galego durante as 24 horas do día nas 21 xornadas de duración que marca a iniciativa, tanto dentro coma fóra da contorna escolar. Dez centros de ensino, un deles por primeira vez de Primaria, pechan así unha ampla e intensa programación desenvolta durante máis de 500 horas.
-
O 2021 será o ano de maior actividade expositiva na Cidade da Cultura, cunha vintena de mostras e intervencións artísticas. Procúrase así consolidar o Gaiás como factoría cultural, provedora de contidos para outros espazos de Galicia, cun programa de itinerancias que levará proxectos como Galicia, de Nós a nós, As miradas de Isaac ou Galicia Futura a diferentes lugares da Comunidade. O complexo continuará, ademais, a liña de dixitalización iniciada en 2020 para seguir conectada co seu público a través das novas tecnoloxías, con tours virtuais, foros en streaming ou o programa didáctico de visitas a través de videoconferencias cos guías do Museo.
-
Feijóo e o ministro de Transportes acordan deseñar conxuntamente as bonificacións das peaxes da AP-9O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe o acordo co ministro de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, José Luis Ábalos, para que o Goberno central e a Xunta de Galicia deseñen conxuntamente as bonificacións das peaxes da AP-9. 'Ao que nos comprometemos hoxe é a que a Comunidade poida participar, xunto co Goberno, no deseño das bonificacións das peaxes da AP-9, co obxectivo de que a proposta que se faga á concesionaria sexa unha proposta acordada', explicou tras a reunión mantida esta mañá no Ministerio.
-
Comezaron os actos de homenaxe a Xela Arias, sarriá á que se lle dedica este ano o Día das letras Galegas, coa presentación na Casa da Cultura de Sarria do proxecto 'Aquela nena de Sarria", levado a cabo polo Colectivo Egeria. Participaron Valentín García, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, ao que acompañou o Delegado Territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o Presidente da Real Academia Galega, Victor Freixanes, e por parte do Concello de Sarria, o Alcalde, Claudio Garrido e a Concelleira de Cultura, Reyes Abella. Da familia Arias-Castaño acudiron a nai de Xela, Amparo Castaño; o fillo da homenaxeada, Darío Gil Arias, os irmáns de Xela, Marcos e Lois, e outros familiares.
-
A preestrea do filme Nación, da directora luguesa Margarita Ledo Andión, abre este venres na Coruña a nova edición do ciclo Olladas de Muller, organizado polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) en colaboración co Consello da Cultura Galega. A través desta iniciativa, enmarcada na programación cultural da Xunta de Galicia no marco do Día Internacional da Muller, proxectaranse ata o 12 de marzo seis filmes de diferentes nacionalidades feitos por e sobre mulleres. A entrada é de balde. Nación, filme realizado co apoio das subvencións á produción da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, ofrece unha pescuda inspiradora sobre as galegas na segunda metade do século XX.
-
A Rede Galega de Teatros e Auditorios retoma a partir de hoxe a súa actividade escénica e musical que, pese aos adiamentos por mor do peche sanitario das últimas semanas, mantén a súa previsión de ofrecer máis de 300 funcións durante este primeiro semestre do ano. Esta cifra será posible grazas á reprogramación durante os próximos meses de máis do 90% das 50 citas que tiveron que ser suspendidas por este motivo no seo do circuíto que promove a Xunta de Galicia en colaboración con 40 entidades locais de toda Galicia. O 10% pendente trasladarase á programación do segundo semestre.
-
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou hoxe na rolda de prensa de Consello a proposta da Xunta de bonificacións das peaxes da AP-9, para que os 50 M€ consignados nos Orzamentos xerais do Estado para descontos nas peaxes desta autoestrada se traduzan nunhas bonificacións útiles e xustas, evitando o incremento de beneficios á concesionaria. Así, durante a súa intervención, avanzou dúas das propostas da Xunta que se pretende contribúan a aliviar o peto dun amplo número de galegos, xa que AP-9 vertebra Galicia e é unha das autoestradas coas tarifas máis altas do país.
-
Fixéronse públicos os premios do concurso de curtas Senda dos Faros, o certame escolar que naceu co obxectivo de poñer en valor a lingua, o patrimonio e a paisaxe da costa galega a través do audiovisual, e cuxo primeiro premio desta edición foi para o IES Plurilingüe A Cachada (Boiro) co proxecto 'Sálvora'. Este proxecto é unha reflexión dunha rapaza sobre o cambio climático, a relación entre a pandemia e o descoido da natureza por parte da humanidade e a despreocupación que sinte da sociedade cara estes feitos. A protagonista lanza unha mensaxe de esperanza nunha botella desde a illa para atopar persoas que, emulando ás Heroínas de Sálvora, se decidan a dar un paso adiante para a salvación do planeta.
-
Ponse en marcha unha visita virtual para a exposición As miradas de Isaac, aberta desde o 6 de novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura e cuxo peche ao público –pola actual situación da covid-19– obrigou a suspender as visitas presenciais desde o 27 de xaneiro ata o 17 de febreiro. A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa esta nova aplicación dixital e que encadrou dentro da “completa e variada” programación en liña do Gaiás para ofrecer “contidos culturais de calidade” na rede, ante estas novas restricións que afectan ás actividades presenciais.
-
A versión renovada e ampliada do catálogo Shorts from Galicia, editado cada ano para a promoción exterior da máis recente produción galega no ámbito das curtametraxes, inicia a súa difusión internacional no Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve integramente en liña ata o 6 de febreiro. Este encontro, referente mundial para os profesionais que se dedican á produción e distribución audiovisual neste formato, contará cunha destacada presenza galega, comezando por dúas das súas seccións a concurso: a competición internacional, na que se exhibe Os corpos, documental de Eloy Domínguez Serén sobre os entroidos ourensáns, e a Labo, onde foron seleccionados o documental experimental Augas abisais, de Xacio Baño, e a fita de animación Homeless Home.