Skip to main content

Noticias

  • A economía galega medrou no ano 2021 un 5,2%, un crecemento dúas décimas superior ao avanzado polo Instituto Nacional de Estadística (INE) para España. O instituto Galego de Estatística (IGE) publica hoxe os datos de contabilidade trimestral referentes ao cuarto trimestre que mostran que Galicia recuperou máis da metade do PIB perdido durante a pandemia e que neste 2022 estará en disposición de recuperar a riqueza prepandemia. Ademais, os datos do 2021 confirman que, ao igual que en 2020, a economía galega tivo un mellor comportamento que a española.
  • A Cidade da Cultura despide este domingo a primeira exposición retrospectiva que se centra na escultura do artista pontevedrés Jorge Castillo Casalderrey, faceta máis descoñecida que a da súa obra pictórica, pero sobre a que traballou desde os seus inicios como artista, establecendo un intercambio constante entre as dúas disciplinas. Será a derradeira fin de semana para achegarse ao Gaiás e gozar desta escolma en 120 obras, cunha montaxe especialmente pensada para ese espazo, co que establece un diálogo permanente de liñas e formas.
  • O ciclo de conferencias enmárcase na programación do centenario de María Casares que ofrecerá durante todo o ano actividades tanto en Galicia como fóra, a través de propostas dixitais, editoriais, escénicas e audiovisuais que percorrerán toda a súa pegada histórica desde diferentes plataformas e linguaxes. A programación conta coa participación de diferentes entidades e institucións de distintos territorios, como a Xunta de Galicia, a Biblioteca Nacional de España, a Embaixada de España en Francia, o Instituto Cervantes, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Edicións Xerais, a Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), entre outras.
  • A Xunta acaba de publicar unha nova edición do seu catálogo Shorts from Galicia, que este ano ofrece unha escolma de sete curtametraxes para dar conta da calidade e variedade da produción galega neste formato audiovisual. A súa difusión internacional está a comezar esta mesma semana no mercado profesional do Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, en Francia, referente internacional para os profesionais da produción e distribución de curtas. A selección deste ano, a cargo dunha comisión de especialistas, recolle traballos que abordan tanto o xénero documental como a ficción dramática.
  • A Xunta de Galicia inaugurou hoxe na Biblioteca de Galicia a exposición en homenaxe a Reimundo Patiño neste 2022 polo Día da Ilustración. Ata o 10 de maio, poderá visitarse no Gaiás a mostra que fai un percorrido polas facetas do autor e pintor coruñés, con especial fincapé na banda deseñada, eido no que é considerado un dos pioneiros en Galicia. A exposición, que conta con ao redor de 40 pezas entre distintas reproducións e exemplares relacionados coa súa obra, está artellada en seis seccións, enfocadas no traballo do artista no ámbito da ilustración, da pintura, da literatura e da banda deseñada.
  • O festival de curtametraxes Pequefilmes, que fomenta a creación de novos públicos para o cinema, consolídase este ano como polo de atracción das mellores pezas audiovisuais para as audiencias infantís. Cunha programación que supera os 80 filmes procedentes de máis de 20 países, Pequefilmes é xa unha cita cultural imprescindible para as familias e tamén para creadores de todo mundo. O festival decorrerá nos días 29 e 30 de xaneiro con proxeccións en sala e en liña, apostando por manter o formato híbrido.
  • As bibliotecas públicas xestionadas pola Xunta realizaron máis de 700.000 préstamos ao longo de 2021, o que representa un incremento do 30% con respecto ao ano anterior. Hoxe, Día das persoas usuarias das bibliotecas, nomearanse os socios e socias de honra entre as persoas do público adulto e infantil que levasen máis materiais nos últimos 12 meses e, en recoñecemento, poderán incrementar o número de préstamos este ano. Co gallo desta conmemoración realizaranse visitas guiadas en diferentes centros.
  • O Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA) vén de abrir as portas da exposición Santiago. Peregrinación, cidade, escola, un percorrido sobre o fenómeno xacobeo e Santiago de Compostela a través dunha escolma de materiais escolares e extraescolares que gardan algunha relación con esta temática. Comisariada polo persoal do museo, a exposición reúne un total de 71 pezas comprendidas entre os anos 1881 e 2004 agrupadas en tres grandes temas que son Santiago o Maior e a iconografía xacobea, Santiago como meta de peregrinación e a cidade de Compostela.
  • A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 28.334 deles 4.914 son da área da Coruña, 2.289 da de Lugo, 3.052 da de Ourense, 4.111 da de Pontevedra, 7.960 da área de Vigo, 4.401 da de Santiago e 1.607 da de Ferrol. Do total de pacientes positivos, 56 están en UCI, 249 en unidades de hospitalización e 28.029 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 197.844 persoas curadas, rexistrándose 2.753 falecementos. O número de PCR realizadas é de 3.261.145. O número de doses de vacina contra a covid-19 administradas é de 5.760.431.
  • Foi inaugurada na Biblioteca de Galicia unha exposición no marco da conmemoración do centenario da morte de Emilia Pardo Bazán. A Xunta de Galicia vén impulsando durante este ano esta efeméride con diversos actos, congresos, actividades de formación ou mostras como a que está aberta no Gaiás ata xaneiro de 2022. 'Sempre palpitante. Emilia Pardo Bazán', comisariada por Charo Crespo, pretende amosar a obra máis significativa da intelectual coruñesa e dar a coñecer algúns dos espazos nos que viviu e escribiu grazas aos fondos bibliográficos da Cidade da Cultura e ás copias dixitais de manuscritos e fotografías do Arquivo da RAG.