Noticias
-
Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro. Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións.
-
A Xunta de Galicia e Editorial Galaxia acaban de presentar dous novos títulos que engrosan a lista de obras publicadas pola editorial viguesa co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades: a primeira adaptación a novela gráfica do clásico Memorias dun neno labrego, de Xosé Neiras Vilas realizada por Iria Aldegunde, e a Música dos Valladares. Retratos de familia, da autoría de Pablo Bernárdez. O primeiro, dirixido a un público novo, é unha innovadora versión de Memorias dun neno labrego traslada a Balbino, o rapaz de aldea máis famoso da literatura galega, ao mundo da banda deseñada a través das ilustracións da compostelá Iria Aldegunde. O volume únese á longa lista de versións que desde a súa publicación, en 1961, suma o título co que o autor de Gres fundou a narrativa galega contemporánea.
-
A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes lle propón ao público 36 novas citas cinéfilas. Destaca, entre elas, a visita do cineasta finés Aki Kaurismäki, quen estará o mércores 7 de febreiro ás 20,30 horas na sede da cinemateca da Xunta na Coruña para presentar a súa última longametraxe, Fallen Leaves. A fita, que é xa o seu maior éxito en España con máis de 110.000 espectadores e aínda se atopa en cartel en moitas cidades, poderá verse con subtítulos en galego como parte da retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle dedica ata o mes de abril. Xunto co arranque deste ciclo, a nova carteleira mensual tamén porá o foco no realizador galego Lois Patiño, ademais de lle dar continuidade ao especial co que repasa algúns dos títulos esenciais de Wim Wenders.
-
Unha vida viquinga poderá visitarse, con entrada libre e de balde, entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025 no Museo Centro Gaiás. Tamén no derradeiro trimestre do ano chegará ao Museo do Mar de Galicia en Vigo outro proxecto expositivo centrado na cultura viquinga, no que destacados nomes da fotografía poñerán o foco sobre lugares, paisaxes e arquitecturas vencellados coas lendas viquingas en Galicia. O discurso expositivo de Unha vida viquinga “pretende ir máis alá dos estereotipos do imaxinario popular sobre este pobo, amosando o seu día a día e, dentro dun modelo de presentación da historia diferente, achegándose á vida tanto de homes como de mulleres, e destacando facetas como a participación de muller en campañas guerreiras e de exploración e tamén a organización da vida diaria”.
-
O Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Destaca tamén a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede.
-
A norteamericana Lindsay Semel traducirá ao inglés a novela 'No ventre do silencio' de Méndez FerrínA Residencia Literaria 1863 acaba de resolver a bolsa para a IV edición da Residencia Xacobeo para tradutores de literatura galega. A autora este ano será a tradutora e editora norteamericana Lindsay Semel, quen traducirá ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín. O obxectivo da Residencia Xacobeo é estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro. Esta cuarta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor literario, neste caso Lindsay Semel, poida “traducir unha obra galega nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”.
-
A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas. Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.
-
'Francisco Fernández del Riego no río do tempo' reúne preto de ducia e media de artigos nos que se abordan os principais aspectos da vida e da obra do autor de Vilanova de Lourenzá. Os ensaios dan conta do seu labor como intelectual e cidadán nos tempos da República, na Galicia da reconstrución posbélica, nos anos da Transición e nos primeiros pasos do século XXI, mais tamén se ocupan de facetas como o seu traballo como académico da RAG ou o seu compromiso coa Fundación Penzol. Noutros artigos ponse o foco en diversas vertentes das súas angueiras literarias e de pensamento.
-
A Cidade da Cultura de Galicia pechará o 2023 organizando máis de 700 eventos e actividades culturais. Con estas cifras despide un ano no que arrincou a construción do Centro galego de artes dixitais, e no que o Gaiás volveu situarse entre as tres institucións da Comunidade mellor valoradas polo Observatorio da Cultura da Fundación Contemporánea. Á espera dos datos de decembro, a Cidade da Cultura rematará o 2023 superando en máis dun centenar o número de eventos e actividades que acolleu en 2022. O incremento amosa os avances na consecución dun dos obxectivos do seu II Plan Estratéxico: consolidarse como ferramenta no desenvolvemento social, cultural e económico de Galicia.
-
Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente a través da Escuela de Organización Industrial e da súa cátedra de promoción da artesanía Fundesarte, a organización de referencia na promoción e no desenvolvemento das empresas artesás españolas. O seu obxectivo é contribuír ao desenvolvemento e competitividade das pemes do sector artesán,p así como incentivar a innovación, o deseño e a súa capacidade de adaptación ao mercado. Prémiase ás institucións e empresas que contribuíran de xeito significativo a impulsar o traballo artesán, en 5 categorías, tres delas para proxectos de artesáns e dúas ao labor de promoción por parte de entidades públicas e privadas.