Skip to main content

Noticias

  • Claudio Rodríguez Fer (Lugo, 1956) é un dos máis destacados poetas da literatura galega do último medio século, ademais de narrador, dramaturgo e ensaísta e un dos máis recoñecidos galicianistas e hispanistas do noso tempo. Dirixe a Cátedra Valente de Poesía e Estética e codirixe a revista Moenia da Universidade de Santiago de Compostela, onde é profesor. Exerceu tamén a docencia en universidades de Nova York, París e Bretaña (pola que foi nomeado Doutor Honoris Causa) e coordina os cadernos Unión Libre. Arredor de Cunqueiro e a súa obra, é autor de ensaios onde analiza en profundidade a figura do escritor d’ As crónicas do Sochantre, como Álvaro Cunqueiro en Ortigueira (2011) ou Borges e Cunqueiro (2021). Ao escritor mindoniense tenlle dedicado tamén amplos estudos nos seus libros Poesía galega (1989) e Acometida atlántica (1996).
  • Todas as producións (35 películas de ficción, 24 documentais, seis obras de animación e 10 formatos televisivos) dispoñen da súa propia entrada no catálogo, onde se poden consultar a ficha artística e técnica, a sinopse, a imaxe do cartel, o palmarés e os datos de contacto para a venda e distribución. A publicación, editada en inglés e con versión física e dixital interactiva, irá acompañada dun vídeo para poñer en valor a calidade e a variedade da oferta galega, ademais de contribuír a difundir o nos territorio como escenario de rodaxe. Inclúe tamén unha listaxe cos contactos das compañías produtoras. A selección de Films from Galicia, resultante dunha convocatoria ao sector para formar parte do devandito catálogo, compleméntase coas curtametraxes que integran Shorts from Galicia.
  • Esta madrugada faleceu en Lugo Xesús Mato Mato, creador de Fuxan os Ventos e Auxilia, Medalla Castelao e Fillo predilecto do Concello de Paradela. Cumprira 91 anos o pasado outubro. Crego e musicólogo desenvolveu un moi importante labor investigador e de recopilación de música tradicional galega, escribiu o poema "Fuxan os ventos", púxolle música e impulsou o grupo musical que logo levou ese nome e entrou na historia da música deste país, como despois tamén animou o nacemento do grupo "A Quenlla". Creou coros xuvenís, dirixiu a Schola Cantorum do Seminario de Lugo e o Orfeón Lucense.
  • Baixo o lema Medrando en galego, que incide na idea de que o alumnado coñeza a lingua propia desde o berce, a cativada de Infantil e Primaria, así como os seus profesores, optan por falar en galego as 24 horas do día entre o 17 de xaneiro e o 6 de febreiro, tanto dentro como fóra do centro. Disto quedou constancia no blog 21diascogalegoemais.gal, o soporte central da iniciativa, onde se compartiron as creacións dos centros participantes, así como tamén nas contas de Facebook, TikTok, Instagram e Twitter, que un ano máis gozaron de grande alcance tendo en conta que se trata dunha actividade educativa restrinxida a un número limitado de centros e que só dura 21 días, 126 en total ao acumular as seis edicións.
  • A Xunta de Galicia e Editorial Galaxia acaban de presentar dous novos títulos que engrosan a lista de obras publicadas pola editorial viguesa co apoio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades: a primeira adaptación a novela gráfica do clásico Memorias dun neno labrego, de Xosé Neiras Vilas realizada por Iria Aldegunde, e a Música dos Valladares. Retratos de familia, da autoría de Pablo Bernárdez. O primeiro, dirixido a un público novo, é unha innovadora versión de Memorias dun neno labrego traslada a Balbino, o rapaz de aldea máis famoso da literatura galega, ao mundo da banda deseñada a través das ilustracións da compostelá Iria Aldegunde. O volume únese á longa lista de versións que desde a súa publicación, en 1961, suma o título co que o autor de Gres fundou a narrativa galega contemporánea.
  • A Filmoteca de Galicia xa ten preparada a súa carteleira de febreiro, que desde mañá e ata finais de mes lle propón ao público 36 novas citas cinéfilas. Destaca, entre elas, a visita do cineasta finés Aki Kaurismäki, quen estará o mércores 7 de febreiro ás 20,30 horas na sede da cinemateca da Xunta na Coruña para presentar a súa última longametraxe, Fallen Leaves. A fita, que é xa o seu maior éxito en España con máis de 110.000 espectadores e aínda se atopa en cartel en moitas cidades, poderá verse con subtítulos en galego como parte da retrospectiva que a Filmoteca de Galicia lle dedica ata o mes de abril. Xunto co arranque deste ciclo, a nova carteleira mensual tamén porá o foco no realizador galego Lois Patiño, ademais de lle dar continuidade ao especial co que repasa algúns dos títulos esenciais de Wim Wenders.
  • Unha vida viquinga poderá visitarse, con entrada libre e de balde, entre xullo de 2024 e xaneiro de 2025 no Museo Centro Gaiás. Tamén no derradeiro trimestre do ano chegará ao Museo do Mar de Galicia en Vigo outro proxecto expositivo centrado na cultura viquinga, no que destacados nomes da fotografía poñerán o foco sobre lugares, paisaxes e arquitecturas vencellados coas lendas viquingas en Galicia. O discurso expositivo de Unha vida viquinga “pretende ir máis alá dos estereotipos do imaxinario popular sobre este pobo, amosando o seu día a día e, dentro dun modelo de presentación da historia diferente, achegándose á vida tanto de homes como de mulleres, e destacando facetas como a participación de muller en campañas guerreiras e de exploración e tamén a organización da vida diaria”.
  • O Gaiás ocupa un papel protagonista ao acoller unha das principais propostas internacionais anunciadas para este ano: a mostra 'Tesouros Reais. Obras mestras do Terra Sancta Museum' que se poderá visitar, como único destino en España, entre os meses de marzo e agosto. Trátase dunha exposición internacional que amosará en Santiago o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum de Xerusalén, composto de doazóns das monarquías católicas europeas ao longo de 500 anos. Destaca tamén a presenza de Galicia na celebración da XXVII edición da exposición Las Edades del Hombre que no 2024 terá unha dobre sede.
  • A Residencia Literaria 1863 acaba de resolver a bolsa para a IV edición da Residencia Xacobeo para tradutores de literatura galega. A autora este ano será a tradutora e editora norteamericana Lindsay Semel, quen traducirá ao inglés a novela No ventre do silencio de Xosé Luis Méndez Ferrín. O obxectivo da Residencia Xacobeo é estimular e promocionar a tradución de obras literarias en galego, así como impulsar as letras galegas no estranxeiro. Esta cuarta convocatoria é unha nova oportunidade para que un tradutor literario, neste caso Lindsay Semel, poida “traducir unha obra galega nunhas condicións de excelencia e empapándose da cultura que as viu nacer”.
  • A nova plataforma, que se insire dentro do Plan Obesidade Zero, estrutúrase ao redor de catro grandes eixos que teñen por obxectivo contribuír ao mantemento dunha boa saúde entre os galegos e galegas. En concreto, a alimentación saudable, a realización de actividade física, o coidado do benestar emocional e a prevención de condutas adictivas. Deste xeito, Sanidade Mediaverso contén recursos dixitais, audiovisuais, aplicacións, xogos e programas de realidade aumentada e virtual, nos que se achegan solucións para acadar un estado de saúde óptimo, e cuxas destinatarias son persoas de todas as idades.