Notas
-
Todos os traballos presentados competirán por entrar nas seccións: Oficial, España, Galicia, Descubertas e Escolas Internacionais, conformando grande parte da programación de proxeccións do e o palmarés do FICBUEU 2023. En paralelo haberá tamén outros cinco apartados non competitivos: Retrospectiva, Curtas en familia, Cativa, Infantil, Xuvenil. Ademais, as e os asistentes votarán in situ para o aclamado Premio do Público.
-
O pasado curso académico a Universidade de Vigo, co apoio da Deputación de Ourense, puxo en marcha a exposición itinerante As mulleres que nos levaron á lúa, co obxectivo de impulsar as vocacións científicas e tecnolóxicas entre o alumnado feminino, poñendo de relevo o traballo das mulleres que hai 50 anos foron claves para o éxito da chegada da primeira persoa á lúa. Froito desa exposición, presentouse o libro 'Elas, leváronnos ao espazo'.
-
A Biblioteca Universitaria estrea un novo catálogo Iacobus que, ademais de renovar o deseño da páxina web, incorpora Primo, “unha potente ferramenta de descubrimento”, tal e como explicou a directora da BUSC, Mabela Casal. Iacobus non é agora soamente un catálogo, é tamén unha ferramenta máis completa que nos permite, dende unha única caixa, indagar na colección da Biblioteca (incluíndo recursos electrónicos, texto completo de revistas subscritas pola USC ou en Acceso Aberto).
-
Impulsada pola Universidade de Vigo, a Asociación de Familiares y Enfermos de Alzhéimer y otras Demencias de Galicia (Afaga) e a entidade de innovación social Atendo, a Cátedra de Idadismo nacía neste 2022 co obxectivo de combater o conxunto de prácticas laborais, sociais e políticas que discriminan ás persoas por razón da súa idade.
-
A decana da Facultade de Matemáticas da USC, María Elena Vázquez Cendón, recibirá o premio María Josefa Wonenburger 2022. A nova deuse a coñecer no último pleno da Unidade Muller e Ciencia da Xunta de Galicia, na que se tivo en conta a carreira de investigación e divulgación da matemática. 'É o corolario a un traballo feito', afirmou a profesora da USC logo de coñecer a nova da concesión. 'Sinto moita alegría e gratitude', sinalou.
-
A pouco que se furgue, agroman infinidade de prexuízos sobre o uso do galego, algúns que semellaban superados e outros que sempre estiveron presentes. Algúns deses prexuízos son os que protagonizan o calendario da Área de Normalización Lingüística da UVigo para o 2023 deseñado por Luis Davila. Entre os lugares comúns que se reflicten nas viñetas están 'non falo galego porque o falo mal'; 'impóñennos o galego' ou 'o galego só serve para falar coas vacas'.
-
A Escola Superior de Enxeñaría Informática do campus de Ourense acollerá os días 16 e 17 de decembro os encontros de cultura dixital Decembro Maker Talks. Organizado pola Deputación de Ourense no marco do proxecto transfronteirizo Emprende Makers, o evento centrarase na innovación e a tecnoloxía, desde unha perspectiva didáctica e práctica, e nel abordaranse temas como a Internet das cousas, robótica, impresión 3D, ciberseguridade e videoxogos.
-
O proxecto europeo Circular Seas, financiado con preto de dous millóns de euros de fondos FEDER, botou a andar a comezos de 2020 coa idea de desenvolver toda unha serie de tecnoloxías que permitisen converter os residuos plásticos oceánicos e da contorna marítima portuaria en compoñentes ecoinnovadores para a propia industria marítima. Hoxe isto é xa unha realidade. O sistema está listo e quedará dispoñible en repositorios abertos a partir de xaneiro.
-
Crear robots máis autónomos que resolvan situacións reais no sector agroalimentario, no entretemento educativo, no campo da produción industrial non estruturada e no comercio. Este é o obxectivo principal do proxecto PILLAR-Robots (Purposeful Intrinsically motivated Lifelong Learning Autonomous Robots), un consorcio internacional liderado desde o Centro de Investigación TIC (CITIC) da UDC.
-
O conselleiro de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde, asinaron esta mañá o convenio polo que a Xunta aporta o financiamento para a realización do proxecto do novo edificio do Campus de Ferrol, o Centro de Investigación en Industria Intelixente, Ci3.