Notas
-
A Universidade de Santiago de Compostela volverá acoller en 2024 o congreso ECAI (European Conference on Artificial Intelligence). O encontro científico máis importante de Europa no ámbito da Intelixencia Artificial regresará a Santiago de Compostela por segunda vez en catro anos da man do CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC).
-
O debate sobre as terapias avanzadas con medicamentos altamente innovadores e os novos sistemas de diagnóstico precoz de enfermidades está a protagonizar o V Annual Meeting do Centro de Investigacións Biomédicas da Universidade de Vigo, Cinbio. O encontro regresou este ano ao formato presencial no salón de actos do edificio de Ciencias Experimentais da UVigo.
-
O investigador do Centro Interdisciplinar de Química e Bioloxía da UDC Jesús Mosquera publica en Science un fenómeno químico nunca observado antes que excede os límites da razón. En colaboración coa Universidade Tecnolóxica de Eindhoven descubriu que engadindo máis auga a unha solución acuosa de certos compoñentes (sol), sorprendentemente a mestura pasa a estado sólido (xel).
-
Investigadores de USC e Vigo acaban de comparar a dinámica xeográfica de expansión da gripe e da covid-19, evidenciando a singularidade desta última, máis heteroxénea e susceptible ás medidas adoptadas para mitigar a súa propagación. Os científicos desenvolveron unha técnica capaz de predicir a evolución das pandemias a partir da construción dun arquivo de patróns dinámicos observados no pasado.
-
Un innovador curso e taller de verán, titulado 'Moving Boundaries: Human Sciences and the Future of Architecture, comeza no CGAC, Centro Galego de Arte Contemporánea en Santiago de Compostela ata o día 28 e do 29 de xullo ao 4 de agosto trasladarase á Casa dá Arquitectura en Matosinhos, preto do Porto (Portugal).
-
O libro 'Lo que en la tuya me dices', un epistolario inédito editado polo Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC e no que se recolle a correspondencia mantida durante trinta anos entre o poeta galego José Ángel Valente e o crítico asturiano Florentino Martino, acaba de saír do prelo.
-
Segundo o portal Universo Crowdfunding, o chamado 'financiamento participativo', as iniciativas de micromecenado que se impulsan a través da rede, recadaron o ano pasado en España preto de 220 millóns de euros. Pero a pesar do número de iniciativas, tanto empresariais como sociais, que se financian a través do crowdfunding, 'a aplicación política desta ferramenta dixital fora escasamente estudada até a data'.
-
No ano 2003 vía a luz o primeiro volume da Revista de Investigación en Educación, unha publicación científica impulsada pola Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte co obxectivo de dar visibilidade ás investigacións e innovacións que, desde un enfoque interdisciplinar, puñan o foco no ensino e aprendizaxe nos diferentes niveis educativos.
-
As investigadoras e investigadores en estudos literarios, culturais e tradución e interpretación teñen esta semana unha cita na UVigo, onde botou a andar o I Coloquio Internacional BiFeGa: Literatura, Cultura e Tradución e Interpretación, unha cita organizada polo grupo de investigación BiFeGa-UVigo, un equipo composto na actualidade por máis de medio cento de especialistas, na que participan como poñentes 25 expertas e expertos.
-
Os dez poemas galegos de Francisco Vega Ceide -Francisco de Fientosa- edítanse nos cinco idiomas ibéricos polo Colectivo Egeria, para conmemorar os 110 anos do nacemento do escritor en maio de 1912 no Cordón, da parroquia de Santa Locaia do concello lucense de Castro de Rei. A edición está apoiada pola Xunta de Galicia (Política Lingüística) e o Concello de Castro de Rei.