Noticias
-
Segundo o Instituto Nacional de Estadística, Galicia recibiu doutros países 12.884 habitantes máis dos que saíron, o que supón un incremento que case dobra (un 98,82% máis) a cifra de 2017, cando entraron en territorio galego 6.882 persoas máis das que saíron. Deles, 2.885 teñen nacionalidade española, o que se traduce nun aumento do 47% en relación aos 12 meses anteriores, cando o saldo positivo deixaba 1.954 españois novos en Galicia (unha vez restados os que saíron).
-
Alberto Núñez Feijóo, destacou os avances no Barrio da Residencia de Lugo coa demolición do antigo Hospital Xeral e coa licitación de Centro integral de saúde que este mérdores publicará o D.O.G. e que se situará no complexo do antigo Hospital Materno-Infantil, e indicou que o obxectivo é recuperar e humanizar un barrio histórico da cidade e convertelo nun referente de modernidade, innovación, accesibilidade e sustentabilidade,”nun barrio do século XXI”, dixo.
-
Durante o acto de entrega das Bandeiras Azuis 2019, Feijóo aseverou que a Xunta seguirá traballando para garantir o máximo respecto polo medio sen facelo incompatible cunha explotación racional, lembrando que nos últimos tempos dotouse á Comunidade de instrumentos normativos para preservar a paisaxe e fomentar un desenvolvemento sustentable e racional como: o Plan de ordenación do litoral, as directrices de ordenación do territorio, a Lei do Solo, ou o Catálogo das paisaxes de Galicia.
-
O D.O.G. ven de publicar a primeira liña de apoio técnico e económico aos concellos para que elaboren plans de emerxencia fronte á seca que permitan garantir o abastecemento de auga á poboación. Con esa medida quérese fomentar a prevención e a anticipación, tendo en conta que ningún municipio galego conta cun plan deste tipo e que o episodio de seca de 2017 evidenciou a vulnerabilidade dos sistemas de abastecemento.
-
Un texto do noso colaborador Armando Requeixo, publicado en Galicia Digital o 8 de febreiro de 2019, formou parte do temario das recentes probas de selectividade, como opción B de Lingua Galega e Literatura II. Nel, refírese á obra de Sinclair Lewis (1885.1951), "It Can't Happen Here" ("Iso non pode pasar aquí"). Para Galicia Digital foi sorpresa grata atopar no temario da Selectividade esta referencia á publicación en "Opinion" do artigo do escritor e profesor Armando Requeixo, que evidencia o seu bo facer no mundo da literatura e do comentario de actualidade.
-
As curtametraxes galegas serán obxecto dunha das sesións do Edimburgh International Film Festival, que arranca mañá na capital escocesa. En Edimburgo o vindeiro día 25 proxectarase unha escolma de seis curtas procedentes das últimas entregas do catálogo 'Shorts from Galicia'. Segundo indica o programa do propio festival, esta selección achegaralle ao público escocés una mostra de filmes xa exhibidos e mesmo premiados noutros prestixiosos certames internacionais, que desde a ficción ata o documental, pasando polo experimental, exploran as tradicións, os espazos urbanos e as paisaxes rurais, “demostrando que Galicia está á vangarda do cinema actual”.
-
Hoxe foi presentado no Instituto Antonio Fraguas de Santiago de Compostela o proxecto-homenaxe "OS NOVE ANOS DE FRAGUAS EN LUGO". Ao acto asistiron o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, en representación da Xunta de Galicia; o director do Instituto Antonio Fraguas, Carlos Encisa; o deán da Catedral de Santiago, Segundo Pérez; Carolina Martínez en representación da familia de Antonio Fraguas, e o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz. Este proxecto está composto polo libro “Os nove anos de Fraguas en Lugo”, unha exposición itinerante, composta por doce paneis e a web fraguasenlugo.org, que recolle todas os contidos do libro.
-
Historias reais, causas de vida e cinema de autor, son os principais elementos que configuran o ciclo de cine euroárabe "Amal en Ruta 2019", unha mostra que nesta edición proxectará catro películas de ficción e dous documentais. As películas recollen diferentes puntos de vista e sensibilidades do mundo árabe. Ademais da temática palestina e da crise dos refuxiados, o ciclo aborda outros temas que amosan a diferenciación e matices dos máis de 500 millóns de persoas do mundo árabe. Os filmes que se proxectan son: "Alma Mater", "Sheikh Jackson", "Of fathers and sons", "Zagros", "Ghost hunting", e "El Cairo Confidencial". O cartel do ciclo é unha fotografía da colección "Familias completas, familias incompletas", do fotoxornalista Sergi Cámara.
-
O Real Club Náutico de Vigo foi hoxe o escenario da presentación da serie galego-portuguesa Auga seca, que está a iniciar na comarca viguesa unha rodaxe que se estenderá tamén a Lisboa. A produtora galega Portocabo encabeza esta coprodución xunto á empresa lusa SP-i, para a que conta co apoio económico da Xunta a través do programa de subvencións da Consellería de Cultura e Turismo ao sector audiovisual. Na presentación participaron, así mesmo, a actriz portuguesa Victoria Guerra e os actores galegos Monti Castiñeiras e Sergio Pazos, trío protagonista deste thriller arredor do tráfico de armas e do crime organizado, fortemente conectado á realidade e á época actual.
-
'Elisa e Marcela', a película de Isabel Coixet producida pola compañía compostelá Zenit TV chega esta fin de semana ás salas de cine despois de ter desenvolvido maioritariamente unha rodaxe en localizacións galegas e de xerar máis de 1,5 millóns de euros na contratación de equipos e profesionais do noso sector audiovisual. A filmación supuxo 13 xornadas de rodaxe en Galicia, das 23 desenvolvidas, o que equivale a máis do 56% do período de gravación. Durante este tempo, contratáronse máis de 200 persoas entre persoal artístico, técnico e de figuración en 191 convocatorias de traballo. A fita, que conta a historia das dúas mulleres que casaron na Coruña en 1901 —no considerado como primeiro matrimonio homosexual de España— está protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández.