Noticias
-
O mercado MIPTV arranca hoxe na localidade francesa de Cannes, ata onde se desprazou unha delegación do audiovisual galego baixo a marca Films from Galicia. As empresas CTV, DocsHub, Portocabo, Somadrome, Treeline Distribution e Voz Audiovisual participan nesta misión institucional e comercial á que é a meirande feira mundial para a comercialización de todo tipo de formatos, programas e contidos dixitais para televisión. Como en anos anteriores, o punto de encontro da delegación galega en MIPTV é o espazo da marca Films from Galicia dentro do pavillón español, organizado polo ICEX España Exportación e Inversiones en coordinación cunha trintena de empresas e entidades de ámbito autonómico e estatal.
-
O Festival Play- Doc ofrece este xoves 4 de abril unha completa programación tras a súa xornada inaugural na que os asistentes poderán gozar da película A Story from Africa, do mítico realizador afroamericano, Billy Woodberry. Tras a inauguración, tamén terá lugar a primeira sesión da retrospectiva dedicada ao cineasta filipino Kidlat Tahimik coa súa película, Quén inventou o Yoyó? Quén inventou o vehículo lunar?, tras a proxección o público poderá ter o primeiro encontro co singular cineasta filipino. Nesta 15º edición, que se celebra en Tui ata o vindeiro domingo 7 de abril, o Festival Play-Doc estrea unha nova sección North by Northwest para celebrar a expansión a Asturias.
-
O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa décima edición cun programa dobre que incluirá a estrea no Reino Unido do documental Tódalas mulleres que coñezo, de Xiana do Texeiro, e a proxección da curtametraxe Matria, de Álvaro Gago. A actividade terá lugar o venres, 5 de abril, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2LS]. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio con Álvaro Gago, que se desprazará a Londres para participar nesta edición. Coma decote, ambas as dúas obras proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e mais en galego.
-
Presentáronse en Tui os contidos da sección galega así como toda a programación que compón a nova edición do Festival Internacional de cinema Play-Doc que se celebrará do 3 ao 7 de abril na cidade fronteiriza. O certame chega a súa décimo quinta edición convertido nun referente a nivel internacional. Primeiras retrospectivas en España, estreas e cineastas de culto que conforman unha das edicións máis ambiciosas do festival galego. O certame contará con lendas do cinema como o norteamericano Bruce Weber, ou o pai do cinema filipino, Kidlat Tahimik, unha sección oficial chea de estreas españolas, así como un gran número de actividades paralelas.
-
Participan, entre outras, as produtoras audiovisuais Miolos Filmes, Agallas Films, Ollovivo, Abano producións, Milana Bonita, CTV, Ficción Producciones e Frida Films e as editoras Xerais, Galaxia, Baía Edicións, Técnicas e Gramaxe, Toxososutos, Positivas, Edebé, Tandaia e Urco. Esta nova edición de Firma e Filme arrancou cunha convocatoria para as editoriais a raíz da que a Agadic recibiu 32 propostas de libros de diferentes xéneros e estilos susceptibles de seren levados ás pantallas en calquera formato ou xénero: animación, acción, aventuras, bélico, biopic, ciencia ficción, comedia, drama, experimental, fantástico, musical, romántico, suspense, terror, thriller, etc.
-
Do tempo e dos astros reedita dous traballos de corte etnográfico de Antonio Fraguas: O culto aos mortos, conferencia pronunciada no Ateneo de Vigo en maio de 1931 e publicada por primeira vez ese mesmo ano, e Preocupación polo tempo e os astros na crenza popular, que vira a luz en 1975, no tomo V do Boletín Auriense. Dous textos que eran ata o momento difíciles de consultar e que esta publicación da Biblioteca Antonio Fraguas da Editorial Galaxia lle achega ao público no ano en que se lle dedican as Letras Galegas ao seu autor. É unha mostra do papel de don Antonio Fraguas como estudoso e divulgador da cultura popular, no seu afán por axudarnos aos galegos a recoñecernos nela para comprendérmonos e querérmonos a nós mesmos.
-
O Museo do Pobo Galego presentou hoxe a programación completa da súa XIV Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que se desenvolverá en diferentes espazos de Santiago de Compostela entre os vindeiros días 25 e 31 de marzo. As gravacións domésticas, as fronteiras e a relación do son e a música coa etnografía son as tres liñas temáticas que vertebran a carteleira deste ano, no que o cinema feito por mulleres volverá ter un peso importante. Como en anos anteriores, o encontro dedicaralle unha parte importante da súa programación a filmes dirixidos por mulleres, que neste caso supoñen arredor da metade dos títulos incluídos tanto na sección oficial como fóra de concurso, cunha escolma coordinada por Margarita Ledo e Marta Pérez Pereiro.
-
Bruce Weber estará presente na décimo quinta edición de Play-Doc, que se celebrará do 3 ao 7 de abril en Tui, para mostrar por primeira vez en España a súa película máis recente, Nice Girls Don´t Stay for Breakfast (2018), cuxo estrea mundial tivo lugar na pasada edición do Festival de Cinema de Venecia. Así mesmo, o célebre fotógrafo e cineasta estadounidense presentará no festival galego a súa aclamada Let’s Get Lost (1988) sobre o músico de jazz Chet Baker, e tamén Broken Noses (1987), a súa primeira longametraxe centrada na figura do boxeador Andy Minsker. O propio Bruce Weber estará en Tui falando en persoa co público de Play-Doc sobre as correspondencias entre estas tres películas e os seus excepcionais protagonistas.
-
A décimo quinta edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema de Tui, que se celebrará do 3 ao 7 de abril, anuncia un interesante programa de actividades paralelas enfocadas á formación e ao diálogo con diferentes disciplinas artísticas. Baixo o título 'Eppur se muove (E, sen embargo, móvese)' o festival de cinema tudense propón un programa que conecta o traballo de cineastas e fotógrafos. Estas duas formas de expresión artística están a vivir un momento de especial efervescencia creativa, especialmente entre autores e creadores galegos. O obxectivo deste programa é establecer un diálogo entre ambas disciplinas. Nesta edición presentaranse, entre outros, os proxectos audiovisuais e fotográficos de Iván Nespereira, Tono Arias, Rubén Gasalla e Ariadna Silva.
-
A sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro de Santiago converterase esta semana nun “resort vitivinícola” para acoller a premiada comedia O furancho, da compañía Ibuprofeno Teatro. Marián Bañobre e Isabel Risco son as protagonistas desta montaxe, escrita e dirixida por Santiago Cortegoso, que poderá verse en Compostela do xoves 21 ao domingo 24. Marián Bañobre encargouse de deseñar o vestiario, ademais da escenografía xunto a Santiago Cortegoso, como parte do equipo artístico do que tamén formaron parte Carmela Bueno (movemento escénico), Salvador del Río (deseño de iluminación) e Radio Cos (música), entre outros profesionais.