Skip to main content

Noticias

user warning: Table 'web68db1.term_data' doesn't exist query: SELECT t.tid, t.*, parent FROM web68db1.term_data t INNER JOIN web68db1.term_hierarchy h ON t.tid = h.tid WHERE t.vid = 56 ORDER BY weight, name in /home/www/web64/web/modules/taxonomy/taxonomy.module on line 858.
  • Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
  • O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia decidiron outorgar os tres recoñecementos honoríficos dos Premios Galicia de Turismo na súa primeira edición a: Luz Casal, que recollerá o galardón como Embaixadora Nacional 2019; Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España, premio Embaixador Internacional; e os hosteleros Ramón e Francisco Vilas, recoñecidos como Pioneiros. O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia consideran que a cantante Luz Casal representa o sentimento de orgullo pola terra e que coa súa sólida e recoñecida traxectoria artística contribuíu en boa maneira a difusión da marca Galicia por todo o país.
  • O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa undécima edición, titulada ‘Shorts Edition’, cun programa centrado en curtametraxes do audiovisual galego que viron a luz recentemente. A actividade terá lugar o venres, 22 de novembro, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2 LS]. Os títulos seleccionados para a ocasión son ‘A nena azul’ de Sandra Sánchez, ‘Marusía’ de Pedro Sancho, ‘Son unha tumba’ de Khris Cembe, ‘Limbo’ de Daniel Viqueira e ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio coa directora e montadora Sandra Sánchez.
  • O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo pecha a súa edición con maior número de participantes da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia. Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5.
  • Estes premios pretenden recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. Xornalistas Galegas, xunto con Sara Vila e Montserrat Dopico recibirán o premio na categoría para profesionais do xornalismo e Uxía Castro, Lucía Parrilla del Río e Silvia López na de alumnado universitario. En ambas modalidades, seleccionáronse os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo dende a perspectiva de xénero.
  • O audiovisual galego está representado na selección do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) a través das películas Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, que contan co apoio da Xunta de Galicia para a súa promoción neste encontro. O certame andaluz está a celebrar a súa décimo sexta edición desde o pasado venres e ata o día 16 coa cinematografía europea como protagonista. Con motivo destas seleccións, ofreceuse este mediodía unha recepción baixo o título ‘Celebrando o cinema galego’, dirixida prioritariamente aos profesionais de toda Europa que están a participar no programa SEFF Industria.
  • A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.
  • A editorial viguesa Dos Acordes volve dedicarlle un novo volume da súa colección Ars Gallaeciae Musicae ao compositor e violinista coruñés Andrés Gaos coa publicación das partituras da súa Sinfonía nº 2 Nas montañas de Galicia. O volume ofrece nova información sobre esta obra, que agora se edita con transcrición e revisión do mestre Joám Trillo e unha introdución a cargo do musicólogo Carlos Villanueva, catedrático da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Tanto este novo título, que fai o número 33 da colección, como o volume 32 contribúen á celebración do Ano Gaos 2019, declarado pola USC con motivo do 60º aniversario do pasamento do autor, considerado como un dos grandes compositores galegos do pasado século.
  • O Business2Sea é un evento internacional dedicado a facilitar a interacción entre persoas e organizacións e a promover proxectos e negocios nos diferentes sectores da economía do mar, aberto á participación de todo tipo de organizacións. De feito, todos os axentes que teñan o mar e os seus recursos como elementos centrais da súa actividade teñen cabida nesta nova edición do evento. O Centro Tecnolóxico do Mar e o organismo luso Fórum Oceano organizan conxuntamente por segundo ano este encontro, que na edición de 2019 se celebrará no Centro de Congresos Alfândega do Porto (Portugal).
  • O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI - Filmoteca de Galicia) arranca mañá a súa última carteleira bimestral de 2019 co primeiro dos sete filmes do ciclo que lle dedica ao realizador Roberto Gavaldón, considerado un dos máximos representantes do cinema mexicano dos anos 50 e 60 do pasado século. 'La barraca', adaptación da novela de Vicente Blasco Ibáñez, foi o seu debut na dirección e o filme elixido pola cinemateca galega para abrir este especial cunha sesión dobre, ás 18,00 e ás 20,30 h. Pola súa banda, Italia é o común denominador doutros tres especiais que o CGAI preparou para esta recta final do ano, dedicados a Rino Lupo, Franco Piavoli e a documentais producidos pola Italia de Mussolini sobre a Guerra Civil Española.