Noticias
-
As adaptacións dramáticas dos últimos dous espectáculos do Centro Dramático Galego, Ás oito da tarde, cando morren as nais e de Recortes, caneos e outras formas de driblar,incorpóranse á colección editorial O papel do teatro, que chega así aos once libros publicados en réxime de coedición entre a Xunta de Galicia e Edicións Positivas. Os novos títulos seguen o formato de peto dos números anteriores, con fotografías a cor das postas en escena, artigos de presentación, fichas artísticas e os textos finais sobre os que se construíron as montaxes.
-
A mediados do século XIX e durante o primeiro terzo do XX, os pais do Rexurdimento, os integrantes das Irmandades da Fala, os intelectuais da Xeración Nós e os exiliados republicanos galegos en América comezaron a construír e imaxinar un novo concepto de Galicia. Neste contexto, as Irmandades estableceron en 1919 que o Día de Galicia se celebraría, a partir do ano seguinte, cada 25 de xullo. A efeméride adquiriu oficialidade coa publicación do Decreto do 1 de xaneiro de 1979 da Xunta de Galicia polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano.
-
Tivo lugar a entrega do VIII Premio Literario Nortear para mozos da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal a Marta Pais de Oliveira. O certame, apoiado pola Xunta de Galicia e a Dirección Rexional de Cultura do Norte de Portugal, ten como obxectivo incentivar a produción literaria entre os novos escritores que viven na zona transfronteiriza. O galardón ten unha dotación de 3.000€ e contempla a publicación da obra vencedora en galego e portugués, nesta edición cunha portada obra do ilustrador coruñés David Pintor. Nas anteriores edicións acadaron o premio Lara Dopazo, Rui Cerqueira Coelho, Cecília Santomé, Sara Brandão, Sabela Varela, Célia Fraga e Pedro Rodríguez Villar.
-
Estudos arredor de Florencio Delgado Gurriarán forma parte da colección Cadernos Ramón Piñeiro. Este volume colectivo, coordinado por Luís Alonso Girgado, Luís Cochón e Armando Requeixo, reúne máis dunha vintena de artigos nos que se analiza en profundidade e vida e obra do escritor valdeorrés. Os ensaios tratan moitos dos principais temas e motivos da biobibliografía do autor, como breves corpus epistolares, a súa relación co Partido Galeguista e Galeuzca, coa RAG ou coa lírica de Cabanillas. Analízanse as influencias poéticas de Amado Carballo na súa escrita ou a súa obra como tradutor, entre outras tantas realidades.
-
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, celebrou que o éxito da marca Galicia Calidade asociara para sempre a excelencia ao nome e aos produtos da Comunidade. Na gala na que se celebrou o XXV aniversario do distintivo, o titular do Goberno galego puxo en valor a traxectoria das 150 empresas que se animaron a formar parte 'dunha marca esixente' e que contribuíron á singularidade e ao prestixio da Comunidade galega en todo o mundo. 'Vinte e cinco anos despois, está marca segue representado o desexo de ser excelentes e seguir triunfando', aseverou o mandatario galego na súa intervención.
-
Na cerimonia, que chega á súa sétima edición, as poetas Lúa Mosquetera e Wilma Vieira recollerán os seus galardóns por teren producido o mellor da poesía en Galicia e Portugal durante este ano polas súas pezas Anorak de pel de Caribú e E se eu fosse eu?, respectivamente. Pola súa parte, a fadista Ana Moura e o cantante galego Xisco Feijóo, son os gañadores no apartado musical polos temas Andorinhas e Peixe. O proxecto cultural Ponte... nas ondas! recibirá, pola súa banda, o premio especial do xurado á Embaixada da amizade galego-lusófona polo seu quefacer a prol do achegamento entre as culturas das dúas beiras do Miño.
-
O programa Radio na Biblio vén de incorporar 30 novos centros educativos, de tal forma que o número de colexios e institutos integrados nesta iniciativa se eleva a 167. Todos eles forman parte tamén do Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE). O obxectivo deste programa é que os centros de nova incorporación creen emisoras ou laboratorios nas súas bibliotecas escolares co fin de favorecer proxectos de educación das competencias informacionais e mediáticas do alumnado. No caso dos 137 centros escolares que xa contan cun laboratorio de radio no marco desta iniciativa, percibirán axudas para a realización de obradoiros de formación específica.
-
A Xunta deu a coñecer aos gañadores dos seus premios bienais de literatura dramática. O XXVI Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais recaeu en Fernando Castro Paredes polo monólogo O traxe, mentres que Ana Carreira obtivo o XII Manuel María de literatura dramática infantil por Nin me amoles e o XVI Barriga Verde para textos de teatro para monicreques foi para Eva Mejuto por Os contos de Lobicán, na modalidade para rapaces, e José Luis Baños de Cos por Nas nubes, na de adultos.
-
A Filmoteca de Galicia inicia a súa programación de decembro, na que María Casares continuará sendo protagonista con tres filmes, a presentación dun libro e unha gravación en directo da produción teatral Macbeth, de 1959, na que a actriz galega lle dá vida a Lady Macbeth baixo a dirección artística de Claude Barma. A emisión deste espectáculo o vindeiro día 22 será a primeira cita dunha escolma na que está a traballar a cinemateca da Xunta co fin de ofrecer unha serie de material televisivo pouco coñecido sobre a gran intérprete.
-
Foi presentado o documental 'María Casares: a muller que viviu mil vidas', filme Agallas Films dirixido por Xabier Villaverde. O filme estréase esta noite no Teatro Colón, onde chega tras o seu paso polo Festival Internacional de Cinema de Ourense e pola Seminci de Valladolid. Este documental nos propón un achegamento íntimo e profundo á vida desta muller extraordinaria, e unha homenaxe, desde a súa Galicia natal, a unha figura cegadora, magnética e fundamental nas artes escénicas da Europa do século XX.