Skip to main content

Noticias

  • A programación da Xunta no centenario de María Casares intensifica as súas actividades nesta recta final do ano con novas conferencias, exposicións e propostas escénicas e audiovisuais que se poderán gozar a partir do 21 de novembro, coincidindo coa data do seu nacemento. Ese mesmo día, a Biblioteca de Galicia na Cidade da Cultura inaugurará unha nova exposición bibliográfica con fondos propios que poderá visitarse ata o 27 de xaneiro e está comisariada por Patricia Babío e Carina Fernández. María Casares, a conquista da existencia inclúe unha trintena de libros, revistas, vídeos e discos que permitirán que os visitantes se acheguen á figura de María Casares que quedou plasmada no universo bibliográfico.
  • A serie de películas rodadas en Francia con María Casares como protagonista será un dos eixos da nova programación para o mes de novembro da Filmoteca de Galicia, co que se suma na recta final de ano á celebración do centenario da actriz coruñesa. A carteleira de novembro complétase coa continuidade dos ciclos dedicados a Charles Chaplin, a nova proposta Filmes falados ou varios pases dedicados á Mostra Internacional de Films de Dones de Barcelona (MIFDB), entre outros contidos. Precisamente o encontro catalán que leva 30 anos de traxectoria poñendo o foco no tratamento do feminismo desde o cinema será o que abra o programa de novembro na sala José Sellier.
  • O certamen comeza este martes e finaliza o sábado 22 tras a proxección de 47 pezas audiovisuais en tres emprazamentos diferentes: o Auditorio Municipal, o Museo MARCO e o Cine Salesianos. As proxeccións divídense en catro categorías a concurso e todas elas son de acceso libre ata completar aforo. Ademais, o certame tamén servirá para presentar o documental autobiográfico de Gonzalo Suárez, co-director do festival, que conta como entrar no equipo de balonceso Amfiv cambioulle a vida, despois de quedar en cadeiras de rodas por un accidente.
  • Unicorn Wars, a agardada nova longametraxe de animación do cineasta e debuxante Alberto Vázquez, ten a súa preestrea nos Cantones Cines da Coruña como antesala da súa chegada ao circuíto comercial o vindeiro 21 de outubro. Ademais, tivo lugar o pase e a presentación aos medios do filme na sede da Filmoteca de Galicia, onde o realizador coruñés será obxecto dunha retrospectiva os días 14 e 18 de outubro. A película está a recibir excelentes críticas tras a estrea da pasada fin de semana no Festival Internacional de Cine Fantástico de Sitges, onde compite nas seccións oficial e Anima’t. 'A mellor película de animación do ano' ou 'a máis sorprendente' de todas as fitas a concurso en Sitges son algúns dos cualificativos que lle outorga a prensa especializada.
  • O primeiro Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos destaca tanto polo seu valor cartográfico como pola compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos. Tamén inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupados en 65 capítulos, nun formato único cunha narración a 4 páxinas en tres idiomas que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas.
  • Na categoría de radio, o premio foi para a Asociación PuntoGal polo seu proxecto Abre na rede (da axencia Quattro IDCP), no que se asocia a lingua galega ás redes sociais e, en televisión, para R Cable e Telecable Telecomunicacións por Vai escampar, (Quattro IDCP). Na categoría de internet, premiouse o C.R.D.O Ribeiro polo anuncio Treixadura-Modo Ribeiro (Nasas). En prensa escrita Aqualia con A auga en Vigo é de alta calidade (Ecovigo Publicidade), e na categoría de centro educativo, o CIFP Leixa por Cambio climático.
  • Nesta vixésima edición, a #EURegionsWeek levará por lema Novos retos para a cohesión europea e centrarase en catro temas: a transición verde, a cohesión territorial, a transición dixital e o empoderamento da mocidade. A Fundación Galicia Europa (FGE) participa este ano como socia nun consorcio de rexións para organizar un seminario o 12 de outubro baixo o título Regions addressing integrated sustainable urban development trough Cohesion Policy projects. No encontro presentaranse casos de éxito relacionados co desenvolvemento urbano sostible por parte de municipios e rexións de Portugal, Romanía, Polonia e Eslovenia.
  • A Filmoteca de Galicia reabre as portas da súa sala de cine José Sellier o vindeiro martes 27, tras concluír as obras de renovación. Situada na Casa da Cultura Salvador de Madariaga, a Filmoteca de Galicia mantén xa os seus servizos operativos e retoma agora a súa intensa carteleira de proxeccións, función que sustenta xunto ao labor arquivístico, á conservación do noso patrimonio audiovisual, á difusión da creación cinematográfica e á posta en valor da produción galega a actividade desta institución dende a súa fundación en 1991. A sesión inaugural celebrarase o martes 27 cunha dupla sesión.
  • Celebrouse na Facultade de Linguas Modernas da Universidade de Varsovia o acto de inauguración do XIII Congreso da Asociación Internacional de Estudos Galegos (AIEG) 'Abrindo rutas, expandindo camiños. Novas perspectivas e interseccións nos estudos galegos'. O obxectivo deste congreso, que se levará a cabo do 21 ao 24 de setembro, é explorar como os traballos de investigación innovadores na área dos estudos galegos están a fomentar o diálogo entre disciplinas académicas e entre representantes da cultura. Para iso contará con distintas sesións de comunicacións, paneis temáticos, obradoiros, mesas redondas, entrevistas e sesións culturais.
  • O ciclo de conferencias 'María Casares. Do exilio ao escenario' organizado pola Xunta co gallo do centenario da actriz continúa este mércores 21 coas intervencións de Tina Sainz, grande amiga da artista coa que compartiu proxectos escénicos, e José Luis Méndez Romeu, que ten investigado sobre a súa figura. Este ciclo prolóngase ata finais de ano en distintas xornadas cunha ducia de intervencións protagonizadas por personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñeceron desde a proximidade o traballo e o legado da artista homenaxeada.