Noticias
-
Destes 343 casos activos, 110 son da área da Coruña, 17 da de Lugo, 24 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 138 da de Vigo, 34 en Santiago e 12 en Ferrol. A día de hoxe hai 339 pacientes en seguimento nos seus domicilios e un total de 10.535 están xa curados. O Sergas ten a disposición da cidadanía a páxina web coronavirus.sergas.gal, na que se pode consultar a información dirixida á poboación, aos profesionais sanitarios e a outros colectivos.
-
O informe oficial sobre plazo de pagos a proveedores do Ministerio de Hacienda publicado hoxe indica que o período medio de pago en Galicia é de 13,8 días, menos da metade que a media autónomica (34,2 días). Este informe sinala asimesmo que a débeda comercial de Galicia tamén é a menor de España, e catro veces inferior á media autonómica.
-
A exposición Galicia, de Nós a nós reunirá en outubro na Cidade da Cultura máis de 300 pezas na que aspira a ser a mostra máis completa e ambiciosa realizada ata o de agora sobre a Xeración Nós e unha das citas culturais imprescindibles deste outono, no que conmemoramos o centenario da publicación da revista Nós. Chegarán a Galicia obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que porán o foco nas conexións internacionais da revista Nós e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da literatura e da cultura galega.
-
Os desafíos aos que se enfronta no contexto actual o sector audiovisual será o tema central do debate no quinto webinario convocado polos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era poscovid-19. A sesión, que terá lugar este venres 12 de xuño ás 17,00 h, contará coa participación da cineasta catalá Carla Simón, que coa súa primeira longametraxe Estiu 1993 acadou o premio á mellor ópera prima da Berlinale 2017, e do produtor Alfonso Blanco, quen ademais de contar con máis de 300 horas de prime time producidas para televisión en series como Mareas Vivas, Padre Casares ou Matalobos, é o fundador e CEO de Portocabo, a produtora da multipremiada serie Hierro.
-
A Xunta publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) a Resolución pola que os usuarios do transporte público poderán utilizar desde hoxe a totalidade dos asentos. Para garantir unha mobilidade segura, os viaxeiros deberán empregar obrigatoriamente a máscara e priorizar o pago con dispositivos electrónicos, como a tarxeta TMG, para evitar o contacto. Nos vehículos e embarcacións que dispoñan de asentos, os viaxeiros poderán facer uso da súa totalidade, deixando a máxima separación entre as persoas, cando o nivel de ocupación o permita. Nos medios de transporte con prazas de pé, as persoas deberán manter entre si a máxima distancia posible, fixando como referencia a de dous viaxeiros por cada metro cadrado na zona habilitada para viaxar de pé.
-
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que o gañador da XVI edición é Lorenzo Milá, logo de se celebrar a semana pasada, en acto pechado por mor do estado de alarma, o reconto de votos. A candidatura de Lorenzo Milá resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade do presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias do Club de Prensa. Lorenzo Milá é un xornalista cunha longa traxectoria na televisión pública española, onde ten cubertos acontecementos mundiais de xeito rigoroso e profesional.
-
Alberto Núñez Feijóo insistiu novamente na petición de que se permita a mobilidade entre as catro provincias galegas. Durante a undécima videoconferencia co Goberno central e os outros presidentes autonómicos, Feijóo considerou que a mobilidade provincial “debería estar autorizada desde xa, en todo caso, para visitar a familiares de segundo grao, para as visitas aos menores tutelados e para visitar aos maiores que estean nunha residencia dunha provincia distinta á que viven os seus fillos ou netos”. “E tamén entendemos que se debe permitir aos estudantes ir a recoller as súas pertenzas aos pisos ou residencias que están nunha provincia distinta á dos seus domicilios”.
-
A segunda sesión dos Foros #aculturasegue. Reflexións sobre a cultura na era post-COVID-19 analizará este venres 22 de maio os retos das artes escénicas no contexto actual, nun encontro virtual coa participación da directora artística e directora de escena de Voadora, Marta Pazos, e o director artístico de La Fura dels Baus, Carlus Padrissa. A actividade, dirixida a profesionais do sector cultural galego e a todo tipo de público interesado, está organizada pola Xunta de Galicia. Enmárcase no Plan de Reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados da COVID-19, promovido polo Goberno galego e poderá seguirse de balde por videoconferencia, previo rexistro en cidadedacultura.gal.
-
O teléfono de atención e información 012 atendeu dende o inicio do estado de alarma, concretamente dende o 16 de marzo, máis de 70.000 chamadas, das que un 70% -unhas 49.500- se produciron nas liñas directamente relacionadas coa atención de consultas non sanitarias de particulares e empresas relacionadas co coronavirus COVID-19. Un incremento de máis dun 44% en chamadas con respecto ao mesmo período do ano pasado. O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora de Avaliación e Reforma Administrativa, Natalia Prieto, visitaron esta mañá as instalacións do servizo, onde en primeiro lugar, o vicepresidente agradeceu o labor dos xestores telefónicos durante estes días, nos que atenderon unha media de 1.000 chamadas diarias con dúbidas relacionadas co coronavirus.
-
O Comité de Expertos Económicos de Galicia, en cuxa reunión participou hoxe o presidente da Xunta, concluíu a necesidade de que o Goberno desvincule o expediente de regulación temporal de emprego (ERTE) de forza maior do mantemento do actual estado de alarma. Tal e como apuntou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria despois da xuntanza, esta medida é necesaria para “dotar de seguridade xurídica e certeza aos propios empresarios e autónomos”. A criterio dos expertos, o que debe ser habilitante para a utilización deste instrumento é o impacto sobre o nivel de actividade das empresas derivado das medidas de distanciamento social, limitacións de afluencia ou de períodos de apertura ou calquera outra restrición para o desenvolvemento da súa actividade.