Noticias
-
Dúas artesás galegas resultaron premiadas hoxe na XII edición dos Premios Nacionais de Artesanía, cuxa cerimonia de entrega se celebrou esta mañá no Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Elena Ferro, do obradoiro Eferro (Vila de Cruces-Pontevedra), recolleu o trofeo que a acredita como gañadora do Premio Nacional de Artesanía pola súa obra consolidada. Así mesmo, a ceramista e enxeñeira Paula Ojea, do obradoiro Ojea Studio (Vigo), resultou gañadora na categoría Premio Produto pola colección Cut&Fold, en recoñecemento ao mellor produto ou colección dos últimos dous anos. Ambas as dúas forman parte da marca Artesanía de Galicia.
-
A edición número 33 de Cineuropa rexistrou unha asistencia de preto de 20.000 espectadores e espectadoras que, ao longo de tres semanas, participaron nas 336 proxeccións que se realizaron este ano. O público foi de novo o encargado de premiar os mellores filmes de entre os máis de 100 títulos que participaron nas cinco categorías oficiais do festival e escolleu as películas Dronningen na sección oficial europea, Papicha no Panorama Internacional, Un día más con vida en Animaeuropa, La llorona dentro de Latidoamericano e For Sama en Docs Cineuropa. O festival despídese cun balance de 30 presentacións realizadas en torno ao mundo do cinema, 21 protagonizadas por directores e directoras e as proxeccións de 18 películas galegas.
-
A Facultade de Medicina converteuse esta semana en centro neurálxico de intercambio de coñecementos sobre células nai e medicina rexenerativa no marco da reunión da Rede de Terapia Celular (TerCel). Neste foro déronse cita un centenar de investigadores e expertos na materia que puideron intercambiar os seus puntos de vista e establecer sinerxías ao longo de dous días na USC. Dende o xoves, sucedéronse as conferencias e comunicacións orais de cada un dos grupos da Rede de Terapia Celular, como é o caso de NeuroCel que se ocupa da investigación con células nai en enfermidades neurodexenerativas; CardioCel, relativa ás enfermidades cardiovasculares; e OshiCel, enfocada ás enfermidades inflamatorias e inmunohematolóxicas.
-
Inaugurouse na Biblioteca e Arquivo de Galicia 'Primores do Múltiplo', unha mostra comisariada por Mª Luisa López-Vidriero Abelló co obxectivo de poñer en valor a encadernación e o coleccionismo. Co obxectivo de afondar nos detalles materiais que individualizan un libro encadernado e o diferencian de forma inequívoca, a colección da Biblioteca e Arquivo de Galicia súmase á de organizacións públicas e privadas comprometidas coa cultura de Galicia como a de Abanca, Manuel Chamoso Lamas, Isaac Díaz Pardo e Camilo José Cela. O resultado desta colaboración é un relato de 500 anos no que queda patente a complexidade dunha arte como a da encadernación, a importancia do coleccionismo e o extraordinario valor da creación conxunta entre editor e artista.
-
O Consello Executivo do Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia decidiron outorgar os tres recoñecementos honoríficos dos Premios Galicia de Turismo na súa primeira edición a: Luz Casal, que recollerá o galardón como Embaixadora Nacional 2019; Hong-jo Chun, embaixador da República de Corea en España, premio Embaixador Internacional; e os hosteleros Ramón e Francisco Vilas, recoñecidos como Pioneiros. O Clúster Turismo de Galicia e a Xunta de Galicia consideran que a cantante Luz Casal representa o sentimento de orgullo pola terra e que coa súa sólida e recoñecida traxectoria artística contribuíu en boa maneira a difusión da marca Galicia por todo o país.
-
O Galician Film Forum (GFF) celebrará a súa undécima edición, titulada ‘Shorts Edition’, cun programa centrado en curtametraxes do audiovisual galego que viron a luz recentemente. A actividade terá lugar o venres, 22 de novembro, na universidade King´s College London [19 h, Edmond J Safra Theatre, Strand Campus, WC2R 2 LS]. Os títulos seleccionados para a ocasión son ‘A nena azul’ de Sandra Sánchez, ‘Marusía’ de Pedro Sancho, ‘Son unha tumba’ de Khris Cembe, ‘Limbo’ de Daniel Viqueira e ‘Beautiful Boy’ de Fran X. Rodríguez. Ademais, tras as proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio coa directora e montadora Sandra Sánchez.
-
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo pecha a súa edición con maior número de participantes da súa historia. O FIOT, que desenvolveu a meirande parte da súa actividade entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, acadou a cifra de 16.273 participantes, un dato que consolida á cita como o maior festival de teatro de Galicia. Nesta edición, na que o FIOT puxo o foco no teatro social e subiu ao escenario novas miradas sobre realidades como as violencia machistas, a identidade sexual, a xenofobia ou a soidade, co obxectivo de interpelar ao público, o festival obtivo a nota media máis alta da súa historia: un 4,44 sobre 5.
-
Estes premios pretenden recoñecer e recompensar os traballos xornalísticos que teñan contribuído á defensa e difusión dos valores da igualdade entre mulleres e homes, así como á loita contra a violencia de xénero. Xornalistas Galegas, xunto con Sara Vila e Montserrat Dopico recibirán o premio na categoría para profesionais do xornalismo e Uxía Castro, Lucía Parrilla del Río e Silvia López na de alumnado universitario. En ambas modalidades, seleccionáronse os mellores traballos segundo criterios de calidade, esforzo investigador e de sensibilización e axeitado tratamento informativo dende a perspectiva de xénero.
-
O audiovisual galego está representado na selección do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) a través das películas Arima, de Jaione Camborda, e Longa noite, de Eloy Enciso, que contan co apoio da Xunta de Galicia para a súa promoción neste encontro. O certame andaluz está a celebrar a súa décimo sexta edición desde o pasado venres e ata o día 16 coa cinematografía europea como protagonista. Con motivo destas seleccións, ofreceuse este mediodía unha recepción baixo o título ‘Celebrando o cinema galego’, dirixida prioritariamente aos profesionais de toda Europa que están a participar no programa SEFF Industria.
-
A exposición ‘Valente e a unidade das artes’ fai visible a parte artística dos fondos da Cátedra José Ángel Valente de Poesía e Estética da USC, conformados polo importante legado do poeta, quen fixo doazón á Universidade do seu arquivo e da súa biblioteca persoais. Neste senso, o director da cátedra, comisario da mostra e amigo persoal do autor galego, Claudio Rodríguez Fer, subliña que Valente manifestou na súa obra a necesidade de recorrer ao diálogo multiartístico á hora de establecer o seu propio pensamento estético e a súa propia autopoética. José Ángel Valente (Ourense, 1929 - Xenebra, 2000), doutor honoris causa pola USC, onde estudou un curso, foi un verdadeiro escritor universal que se caracterizou pola interculturalidade e a interdisciplinariedade da súa obra.