Noticias
-
Celebrouse a reunión do Consello de Cooperación Bibliotecaria coa participación de representantes das bibliotecas de xestión autonómica, das bibliotecas municipais, dos centros privados integrados na Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia, das bibliotecas escolares de ensino non universitario e das asociacións de bibliotecarios. Durante a sesión déronse a coñecer os datos relativos a GaliciaLe 2019, a plataforma de préstamos de obras en formato electrónico das bibliotecas públicas galegas e que ten como obxectivo facilitar o acceso de toda a cidadanía á cultura en calquera momento a través dos seus catálogos en galego e castelán. Así, no pasado ano rexistráronse un total de 56.144 préstamos, un 62% máis que en 2018.
-
O Festival de Court Métrage de Clermont-Ferrand, que se desenvolve ata o 8 de febreiro nesta localidade francesa, marca o inicio da difusión da nova edición do catálogo Shorts from Galicia que, como cada ano, edítase co obxectivo de promover a recente produción galega. Os seis títulos que lle dan forma á súa escolma de 2020 son '16 de decembro', de Álvaro Gago; 'Irmandade', de Helena Girón e Samuel M. Delgado; 'Todo el mundo se parece de lejos', de Rafa de los Arcos; 'Unidade veciñal', de Tono Mejuto e os traballos de animación 'Brotar', de Montse Piñeiro e Rubén Abad e 'Homomaquia', de David Fidalgo Omil.
-
Escenas do cambio -o Festival de inverno de teatro, danza e arte en acción da Cidade da Cultura- arrancou no Gaiás con Relay, unha performance da prestixiosa coreógrafa Ula Sickle en defensa dos dereitos das mulleres. Gabada pola crítica internacional, foi a primeira vez que puido verse en España esta peza inspirada nas mediáticas e multitudinarias marchas negras de 2016, cando centos de milleiros de mulleres polacas saíron á rúa para rebelarse contras as medidas sexistas do goberno polaco. Por este motivo, a artista polaca-canadense realizou nesta peza unha coreografía colectiva baseada en portear e ondear durante máis de catro horas unha bandeira negra xigante. A obra procurou representar dun xeito simbólico os colectivos e comunidades que senten que deben estar a alerta loitando para que os seus dereitos sexan respectados.
-
O Altantic Emprende + Gaiás abre por terceiro ano consecutivo un espazo para o encontro, o debate e a formación de profesionais, estudantes, emprendedores e empresas da industria musical. O evento, que terá lugar o 29 de febreiro na Cidade da Cultura, abrirá cun faladoiro con Brett Anderson –vocalista da banda Suede–, ao que seguirán as conferencias do deseñador Javier Mariscal e Alba Barneda, a directora de produción de CANADA, a axencia barcelonesa da que saíron icónicos videoclips musicais como o Malamente de Rosalía. Este evento forma parte da programación que impulsa a Cidade da Cultura para promover a cultura emprendedora no eido das industrias creativas galegas.
-
A Xunta de Galicia solicitará de inmediato a convocatoria da Comisión Mixta para abordar co Goberno central os asuntos prioritarios para Galicia, na que se incluirán como temas urxentes a tratar o pago dos 370 millóns de euros que o Estado debe a Galicia e o traspaso da titularidade da AP-9. Así o adiantou hoxe o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante unha comparecencia no Parlamento galego, a petición propia, para dar conta das 25 necesidades máis urxentes que se deben abordar co Goberno central e que van incluídas na Axenda Galicia; e tamén para recordar as 16 competencias que a Xunta ten reclamado ata o de agora e que seguen pendentes.
-
Esta nova programación estrutúrase inicialmente arredor de 13 ciclos e de oito semanas de cine. Promovidos pola Federación de Cineclubes a partir dunha temática ou estilo determinados, a carteleira de cada un dos ciclos será seleccionada polos centros participantes a partir do catálogo proposto. No caso das semanas de cine, a organización corre a cargo dos propios cineclubs que, xunto coas proxeccións, desenvolven diferentes actividades paralelas como debates, obradoiros e exposicións. Participarán os cineclubs de Bueu, Cangas de Morrazo, Poleiro de Goián, Valle Inclán de Lugo, Liceo de Noia, Groucho Marx do Barco de Valdeorras, O Carballiño, Padre Feijoo de Ourense, Val Miñor Alice Guy de Nigrán, Pontevedra, A Lanterna de Viana do Bolo, Lumière de Vigo e Adega de Vilagarcía de Arousa.
-
A Deputación da Coruña entregou hoxe trece premios que recoñecen obras e proxectos en distintos ámbitos da cultura, desde a literatura até as artes plásticas e visuais pasando pola música ou a promoción da lingua e a igualdade. O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o deputado de Cultura, Xurxo Couto, presidiron o acto de entrega ás persoas gañadoras dos certames culturais. Co mar da Coruña de fondo, o acto congregou a máis de cen persoas nun auditorio composto por premiados e premiadas ademais de membros dos distintos xurados que participaron no acto de entrega das trece categorías que congregaron representantes dos principais ámbitos culturais, homenaxes tamén ás figuras da nosa cultura das que levan nome.
-
Desde o ano 1995, a Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte...nas ondas! ( PNO! ) vén desenvolvendo unha innovadora experiencia de comunicación con centros educativos de Galicia e do Norte de Portugal, descubrindo un patrimonio común compartido. Para conmemorar os 25 anos da Asociación, o colectivo convida ás emisoras de radio e ás escolas da Eurorrexión a participaren no maratón radiofónico que terá lugar o vindeiro 27 de marzo. O evento principal deste 25 aniversario da innovadora experiencia de radio interescolar e patrimonio inmaterial vaise transmitir en directo a través do portal Escolas nas Ondas e desde as emisoras de radio participantes, unha das cales estará no campus da Universidade de Vigo.
-
Ricardo Carballo Calero viviu en Lugo, como responsable do Colexio Fingoi, desde 1950 a 1965, período no que aportou a Galicia a parte máis ostensible da súa obra, sendo para a cidade DON RICARDO DE FINGOI, irradiando desde este senlleiro colexio a súa influencia cultural a Lugo e a toda Galicia. Este é o aspecto que se puxo de manifesto na gran homenaxe rendida na capital lucense pola Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, xunto co Colexio Fingoi, en base á exposición e á web confeccionadas polo colectivo Egeria que en Fingoi se presentaron. A exposición está formada por trece paneis de 2m. por 1m., nos que se reflicten a relación de Carballo con Lugo, o nacemento e evolución do Colexio Fingoi, a personalidade do seu fundador, Antonio Fernández.
-
Presentouse hoxe na Coruña a estrea de Leira, o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, cita que forma parte das 23 funcións escénicas que ofrece ata xuño na cidade herculina a Rede Galega de Teatros e Auditorios. En Leira, o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que quere ser a celebración dunha Galicia intemporal e máxica. Os seus creadores e intérpretes transportan o espectador á dura beleza dos labores do campo, coa muller no centro desta conexión. Así, os días, as estacións e as paisaxes son habitadas unicamente por unha coreografía humana de apeiros de labranza, de corpos que cargan e arrastran, que danzan entre os sucos arados na terra.